«O que máis nos gusta é cantar habaneiras como a de 'Es Foz'»

A MARIÑA

A formación focense celebra os seus 25 anos cantando, como tan ben sabe facer

01 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O acto conmemorativo do 25 aniversario da coral de Foz, que ofreceu o seu primeiro concerto no ano 1984, foi a semana anterior, no Día de Galicia. Non esqueceron a figura da poetisa Olimpia Pérez, á que homenaxearon.

-25 años levan xa...

-Daquela foi a idea de facer o Encontro Galaico-Astur de Corais (hoxe). Hai unha colonia importante asturiana en Foz. Agora xa son máis focenses...

-No acto do 25 aniversario homenaxearon a Olimpia.

-Porque consideramos que era fundamental. Loitou pola cultura de Foz cando o de «cultura» era «cousa de tolos ou de vagos». Por outro lado, sempre é cuestión de gustos, pero ten escritas moitas poesías. Aínda fai algunha de vez en cando pero hai anos que non publica nada. Á coral lle dedicou unha poesía, outro motivo para facerlle máis que unha homenaxe, un recoñecemento da súa labor. Quedan poucas coma ela. Olimpia escribiu o «Alalá a Foz», nós recollémolo e adaptámolo á coral.

-¿Cal é a media de idade na coral polifónica focense?

-Moi alta. Cando vamos de viaxe parecemos un autobús do Imserso (bromea). É un problema da maioría de corais. Temos intentando meter xente nova de moitas maneiras. Agora por aquí non queda moita.

-Despois de 25 anos, xa se sentirán coma unha «piña».

-Cando chegan estas datas (hoxe é a nosa última cita do curso, despois collemos vacacións) vamos cansos... pero pasan quince días e temos gañas de volver.

-¿Que nivel ten hoxe o coro?

-Non quixera parecer presuntuoso, pero melloramos moito. A xente que nos escoita di que estamos nun momento extraordinario. A directora (Carmen Alonso) nos esixe moito.

-O ano pasado fixeran aquela xira internacional. ¿Quédalles algunha cita sen facer?

-Foi cansa pero moi bonita. Dende hai máis de 20 anos temos invitación dunha coral de Venezuela pero, ¿quen vai aló?

-A peza favorita da coral.

-A nós gústanos cantar a habanera Es Foz. Escribiuna o noso primeiro director, Antonio López. O que máis nos gusta é cantar habaneras. Antes era extraordinario atopar xente nos bares cantándoas. Vanse perdendo esas raíces de ultramar.