A centenaria confitería La Alianza ofrece a rica tarta de Mondoñedo, cañas de crema exquisitas e deliciosos petisús de chocolate, entre outros praceres
14 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.«La Dulce Alianza. Confitería y repostería. Vinos y licores del Reino y Extranjeros». Este texto, escrito nun pequeno cartel, está enmarcado detrais do mostrador da confitería La Alianza, un establecemento con máis de cen anos de historia, situado na rúa Progreso de Mondoñedo. A casa onde está a docería mercáraa un tío de Pablo Redondas Losada: «Despois vin eu traballar aquí, ía marchar ao estranxeiro (seguindo os pasos de seu pai, que emigrou a Arxentina), tiña 16 anos e medio e aos 18 e medio xa era meu o negocio, traspasoumo».
A terceira xeración non tardou en incorporarse: «Ao día seguinte de acabar quinto de EXB, con tan só dez anos, meu pai chamoume ás oito e media da mañá. Iso que tiña seis sobresaíntes e catro notables... Axudáballe no obradoiro e pagábame todos os meses. E cando tiña 13 ou 14 anos miña nai rompeu unha perna e xa empecei máis en serio, cando viña do instituto», recorda Guille, como é coñecido por todos.
O reservado das parellas
Na época de seus pais na confitería «non había días libres, nin se pechaba a mediodía nin nada». Agora teñen máis descanso. O que xa non existe é o reservado, por onde pasaban todas as parexas de Mondoñedo. Dende hai uns 20 anos o despacho e a cafetería forman parte dun mesmo espacio aberto.
Tradición e sabores novos
«A tradición dos pasteis non a coñece ninguén, ninguén sabe facelos... Eu nunca traballei con ingredientes artificiais, teño devolto ata seis sacos de almendra por vir reseca». A calidade, que sempre representou unha máxima para este negocio familiar, continúa sendo a principal referencia de Guillermo e Covi Ares Álvarez, os actuais propietarios. A estela aprendeu de pequeno e coñece ben os segredos da tarta de Mondoñedo, as cañas de crema, os petisús e as palmeiras de chocolate, os productos máis singulares de La Alianza.
Pero a oferta non parou de medrar nestes últimos anos: «O que máis lle gusta á xente é o hojaldre e a crema, o touciño de ceo é do máis rico que podes atopar, e o San Honoré (unha base de hojaldre, petisús de chocolate, unha capa de crema pasteleira, unha capa de bizcoito, crema de chocolate, froitas e todo adornado con nata) está de moda»,
Non hai moito naceron os olegarios . «Chegou un amigo ao que lle chamamos Ole, dicindo que vira uns pasteis en Belén (Portugal), mirámolos en fotos e en Internet e fixemos unha versión», relata Guillermo. Covi e el apostan firme pola innovación, logo van repoñer o vello foro eléctrico, que ten 40 anos, e deixar o rodillo introducindo unha máquina laminadora. Queren renovar todo o obradoiro e tamén loitan por conseguir o recoñecemento de Zona Xeográfica Protexida para a tarta de Mondoñedo.
Unha ducia de pasteis
Pablo e a súa muller, Josefa Vallejo Soto, veñen a diario ao local, pero o traballo non o botan en falta: «A miña ilusión era retirarme para poder durmir a pracer. Ata os 29 anos, cando se puxo o forno eléctrico, levantábame ás catro da mañá», di o pasteleiro xubilado, afeccionado á caza e á pesca. «Cando me retirei comprei unha máquina para facer algo na casa e non a estreei», asegura. E confesa que ten comido «unha ducia de pasteis variados ao día, con viño da casa», do que garda nunha barrica moi preciada. E non se resiste a contar unha aventura da mili, cando se perdeu no Sáhara co teniente e andiveron 140 kilómetros polo deserto.
Unha tenda virtual
La Alianza (con tenda virtual na páxina www.confiterialaalianza.com) é unha institución en Mondoñedo, con moitos clientes locais e de fóra. Guillermo herdou de seu pai a arte de elaborar a tarta de Mondoñedo e as cañas de crema, e tamén lle transmitíu a afección polo deporte. O pai, que xogou no Ribadeo, cando estaba en terceira división, hai máis de 50 anos, deixouno polo traballo; e o fillo renunciou ao fútbol sala (pertenceu ao mítico Club de Vagos) por unha lesión.
Durante anos, Guille compaxinou o traballo no obradoiro co de policía local. Conserva a paixón polo deporte, a electrónica (é un devoto da marca Panasonic), Internet (anda tamén por facebook), é membro da peña gastronómica La Viciosa, encántalle cociñar e devece por estar con Cristina, a filla cativa.