« Este é un pobo multicultural e maduro, un referente para todos»

E. Montenegro

A MARIÑA

O rexidor burelense, Alfredo Llano, aposta polo despegue comercial e deportivo do porto, consolidada forza do seu sector pesqueiro no Cantábrico

24 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Aproveitando a exaltación gastronómica que fai o Concello de Burela para promocionar a merluza do pincho que se comercializa no seu peirao, o rexedor, o socialista Alfredo Llano, fai un repaso da actividade do seu goberno, ao tempo que invita aos mariñáns a visitar a localidade que ademais, está estes días de festas.

-Hoxe inaugúrase a primeira xornada dedicada á merluza do pincho, e o mesmo tempo se expoñen fotos na mostra «Lembranzas do Mar» e se imparten charlas e conferencias con temas da actividade pesqueira en Burela. ¿Teñen a intención de consolidar esta celebración?

-A idea partiu da concellería de Mar co fin de promover e potenciar un produto de calidade como é a merluza do pincho pescada pola nosa xente e con barcos de Burela. Vaise a ofrecer unha degustación con receitas de quince restaurantes da localidade. As fotos de gran formato e as conferencias dan calidade e importancia a estas xornadas. Como a idea obtivo unha resposta moi positiva é normal pensar na súa consolidación.

-Cando falta pouco para culminar o primeiro ano de mandato en coalición co BNG, ¿que actuacións do goberno municipal destaca?

-Estou moi satisfeito de ter comezadas as obras do acceso ó porto, do abastecemento da auga e do aumento do peirao porque son moi importantes para o desenvolvemento do noso municipio, pero neste primeiro ano traballamos na mellora de moitas rúas, Eijo Garay, Correo, Iglesia, Basanta Ben, etc., renovamos mobiliario no parque Rosalía de Castro, ampliamos e melloramos ó pavillón de deportes Vista Alegre, aplicamos gratuidade no servizo de recollida do cartón, de aceites domésticos e do punto limpo, recuperamos o servizo de autopsias, iniciamos a redacción do Plan Xeral, reservamos espazos para vivendas de protección, ofertamos actividades culturais de calidade, obradoiros, cursos de inserción laboral e sobre todo atendemos as demandas de colectivos e dos veciños de Burela.

-Estamos a piques de entrar na tempada turística. ¿Qué actuación se contemplan pensando nos visitantes e nos propios burelenses que usan as praias de Burela?

-As nosas praias van a mellorar en servizo e en aspecto. Xa están instaladas as novas duchas e renovarase o mobiliario típico das praias (parasoles, vestiarios, etc.) e tamén se colocarán servizos hixiénicos estables, instalaranse novas farois no paseo marítimo e potenciarase o servizo de limpeza. Hai novo material de información para os visitantes, impulsaremos os atractivos culturais, paisaxísticos, festivos, comerciais e gastronómicos do noso concello participando en eventos promocionais. Burela é e será un bo atractivo turístico.

-¿Como lle gustaría que fose Burela no futuro?

-O noso municipio ten un capital humano superior. O mellor de Burela son os seos veciños. A min gustaríame consolidar poboación. Xente que merque aquí a súa primeira vivenda, que viva en Burela todo o ano. Eso é positivo por moitas razóns. Significa que hai traballo, que hai servizos, que hai dotacións e que compartimos un pobo atractivo que ofrece calidade de vida e seguridade. Este é un pobo de profundas raíces mariñeiras. Ten que seguir sendo un dos principais portos de actividade pesqueira no litoral Cantábrico. E nun futuro próximo tamén será importante en actividades comerciais e deportivas. Burela é un pobo multicultural e maduro. Será un referente no conxunto dos pobos.

-¿Ten algunha necesidade urxente a localidade?

-O que nos apura un pouco é ter unha boa calidade da auga, ó embalse de Rúa hai que limpalo e baleirar os lodos. Cas obras que se están acometendo da nova rede e nova ETAP a calidade esta garantida pero débese facer no menor tempo posible. Esperamos ter a obra rematada no 2009 si non aparecen problemas. Outra cuestión importante é acabar definitivamente coas inundacións que aparecen cando a chuvia é excesiva. Para axudar a rematar co problema vanse a iniciar unhas obras de canalización de augas pluviais, obra complementaria de Torrentes, que serán moi importantes para atallar o problema. Estas obras comezarán o rematar as festas patronais.

- ¿E por último?

-Quero invitar a todo o mundo a participar nesta primeira xornada de promoción da merluza do pincho, a poder ser en todos os actos, e pasar revista probando os distintos pratos por todos os restaurantes que participan. E tamén que disfruten das festas patronais e do mar.