Saídas pedagóxicas e lúdicas marcan o calendario de actividades complementarias
19 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Un apartado importante da liña educativa do Colexio Landro ten que ver coas actividades complementarias. Así, realizanse saídas pedagóxicas, con carácter trimestral, para que os alumnos permañezan en contacto coa realidade social que os circunda. Os alumnos de 6º de Primaria realizan unha viaxe, dunha semana de duración, a unha granxa-escola que favorece a súa interrelación, o contacto coa natureza e a posibilidade de experimentar con actividades que son pouco habituais na súa vida diaria. Como peche das actividades lectivas, organizase tamén unha viaxe escollida co fin de que tódolos alumnos e todo o profesorado do centro disfruten dunha xornada de convivencia lonxe das aulas. Ó longo do curso non se perde tampouco a ocasión de celebrar distintas actividades e festas onde se mesturan a diversión co coñecemento das tradicións locais. Entre elas destacan o Magosto, o día das « tortillas», os Maios, e O Entroido que inclue un desfile polas rúas de Viveiro dos alumnos cos disfraces confeccionados por eles mesmos na escola. Como complemento á educación musical que reciben nas clases, dende hai tres cursos o centro conta co seu propio coro do que forman parte, voluntariamente, os alumnos a partires de 3º de Primaria. Este coro, que conta con un gran número de membros, participa en distintos eventos musicais organizados polo centro así como noutros organizados por entidades relacionadas co Concello.