PUNTA DA CRUZ | O |
15 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A RECENTE reunión dos gobernos da Xunta e do Principado deixounos novas de grandísimo interese. Sabemos que ambos os dous gobernos están moi interesados en que se remate axiña a autovía do Cantábrico, en que a desembocadura do Eo teña un coidado directamente proporcional á súa importancia natural e paisaxística e en que o Camiño Norte acade máis difusión. Son, como calquera recoñecerá, obxectivos moi importantes: tan necesaria me parece a súa consecución que non sei por que aínda son necesidades e non obxectivos xa cumpridos. Dende o anterior cumio pasaron seis anos, tempo suficiente para que haxa moitos cambios. Pero como as cousas da política son como son, quizais pasen outros seis antes da seguinte reunión e da conseguinte formulación de grandes prioridades estratéxicas. O que se cadra non variará en seis anos é o papel de Ribadeo, que seguirá asumindo, con pouca planificación política, o seu papel de lugar de encontro para os galegos do Oriente e os asturianos do Occidente. Estrearanse pisos, faranse compras de fin de semana e comezarán amizades e amores. Nada novo, en definitiva, se lembramos a evolución recente, pero algo que servirá para demostrar unha realidade importante: que a vida dos galegos do leste e dos asturianos do oeste está moito máis pendente das Catro Calles ca dos discursos que nos chegan cada seis anos.