A febre do ouro en Mondoñedo

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

15 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ALGUNHAS VECES o xornalismo produce efectos contundentes, incuestionables para explicar a historia. Este xornal publicaba a semana pasada os datos das excavacións no castro de Zoñán, nas que teñen aparecido pezas de ouro. Velaí a clave, ¿non se decatan? Xa ten Mondoñedo unha causa que xustifique séculos de melancolía. O que hai é nostalxia dunha idade de ouro, e agora, ademais, xa podemos imaxinar cal foi a época máis gloriosa do noso pasado colectivo: non os tempos de grandes obras dos bispos Muñoz y Salcedo ou Sarmiento, nin os primeiros anos da vila despois do traslado do bispo dende San Martiño, senón que levamos case dous mil anos soñando inconscientemente con pezas de ouro. Só por esa averiguación xa paga a pena todo o esforzo que leva feito o Concello coas excavacións destes anos pasados. Resolto, pois, un enigma básico, queda por saber se o soño dese pasado imaxinario se converte en forza para o futuro. Despois de todo, quizais os nosos antepasados de Zoñán tomaban unha poción máxica como a de Astérix, así que talvez levamos dentro os seu efectos e aínda non nos decatamos da súa potencia.