A TRIBUNA | O |
04 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.COMO vén de recordar en Viveiro o presidente da Xunta, Celeiro é «un porto que lle zumba o mambo». Unha flota de case cen barcos, cun milleiro de afiliados á confraría, e cunha facturación que superou os 66 millóns de euros no ano I despois do Prestige ¿ debe terse en consideración. Consideremos, pois, que gracias á iniciativa das xentes do mar, o pulo que deu Celeiro para ser porto punteiro, supúxolle converterse nun dos motores económicos da bisbarra, xerando postos de traballo en varios sectores. Unha riqueza que, sen embargo, non reverteu en infraestructuras na parroquia, que adoece da máis mínima planificación urbanística. Calquera que viaxe polo litoral, darase conta de que poucas vilas presentan un aspecto tan lamentable coma a ruinosa fachada deste «puerto del futuro». Adentrándose pola principal vía de acceso ao casco urbano, tropezarase pola rúa Lavandeiras adiante cun calvario de baches e parcheos baratos, botados con máis présa que asfalto. Unha rúa que fora adoquinada alá polos primeiros anos cincoenta. Consideremos, pois, que medio século leva a rúa Lavandeiras agardando que a COTOP decida adecentar o seu pavimento, polo que transitan a diario nais con nenos, obreiras das conserveiras e mariñeiros cara ao peirao, dende onde zarparán para que a pesca sega facendo de Celeiro un «porto que lle zumba o mambo»... Consideremos, en fin, que é preciso enorgullecerse das riquezas dos pobos. Tanto coma denunciar algunha miseria, de cando en cando. Sequera, para conmemorar as bodas de ouro... do último adoquín.