Currás lembra que na súa estadía en Burela se construíron varios colexios. Salienta que daquela mellora nos edificios só quedaba á marxe Ourol, aínda que a situación vai cambiar axiña, pois está previsto que a Xunta constrúa nese concello un novo edificio para uso educativo. Por outra banda, afirma que na Mariña abundan os rapaces que estudan en centros públicos, aínda que en vilas como Viveiro, Foz, Mondoñedo e Ribadeo existen centros privados. Tamén subliña a oferta educativa de concellos coma Foz ou Ribadeo, con ciclos formativos ben coñecidos por todos: o de hostalería, que se imparte no IES focego, ou o de automoción, que funciona dentro do IES Porta da Auga, teñen un grao de difusión na sociedade que vai máis alá do puramente académico, e dende hai anos organízanse xornadas vencelladas co seu traballo cotián.