Soñando pola Mariña

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

24 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

TIVEN UN SOÑO, e fíxome cavilar tanto que caio -con gusto, por suposto- na tentación de contar algo íntimo. O soño comezou en Mondoñedo, onde me sorprendeu ver un bo número de rapaces de apariencia estranxeira ás portas do instituto. Uns dixéronme que eran fillos de inmigrantes do norte de África que traballaban nos montes de Lourenzá e de Trabada, en diversas empresas de xestión forestal dedicadas ao cuidado dos bosques. Outros dixénrome que seus pais, chegados de Sudamérica, conseguían bos ingresos cultivando produtos de horta nos arredores de Mondoñedo, onde se creara unha cooperativa de éxito. Todos coincidían en sentírense ben integrados e pensaban xa na Universidade. O soño seguiu en Ribadeo. O polígono industrial xa estaba construído; notábase a circunvalación porque se camiñaba con tranquilidade por rúas onde antes había ruído todos os días, e víanse letreiros que indicaban cómo chegar a dous novos parques, que por fin compensaban tanto crecemento baseado só en edificios novos. Creo que alguén comentaba na rúa algo sobre novos gandeiros de leite, pero entón soou o espertador...