Estafar a uns vellos

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

06 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI VECES NAS que a distancia entre a realidade e a arte é demasiado grande para podermos dicir que unha parte imita á outra sen calcular as consecuencias. Por exemplo, a literatura e o cine dannos grandes situacións de xogos e de estafas, de personaxes que sobreviven no gume da navalla, gracias á súa astucia, a situacións difíciles de imaxinar para o lector ou o espectador. Pero máis alá de todo iso -ou, máis ben, moito máis acó- hai situacións cotiás nas que calquera comparación artística equivale a un sarcasmo se temos en conta as situacións nas que ocorren. Antonte, por exemplo, un veciño de Ribadeo que saía de cobrar a súa pensión nun banco da vila foi estafado por dúas persoas que se lle presentaron como parentes seus. Calquera pode supoñer que cunha pensión gáñase o que se gaña, e tampouco é difícil imaxinar a sensación de tranquilidade de calquera persoa maior -e doutras idades, non nos enganemos- mentres pensa nos gastos cotiás que fará cos seus cartos ou quizais imaxina que mesmo poderá ter sitio para algún pequeniño capricho. Pero ben se ve que o mal non acouga.