¿Desertos na comarca?

A MARIÑA

01 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

CREO QUE un dos trazos salientables da Mariña é a súa variedade, ata o punto de que calquera asunto que pode suscitar moito interese, non menos preocupación ou altas doses de inquietude ós lectores dun medio de comunicación, aparece cunha sinxela ollada de Ribadeo a Ourol: velaí o sector lácteo e o seu futuro, o papel dos cascos históricos e a conservación do patrimonio, as tensións da costeira do bonito e da pesca en xeral ou o valor engadido da madeira como cuestións que poden ser merecentes de interese para calquera galego en xeral e para calquera mariñán en particular. E hai tamén outro asunto do que, sospeito, se fala menos, non sei se porque todos o consideran inevitable ou ninguén lle ve unha solución inmediata: ¿non é preocupante a perda de habitantes que padece a maioría de Concellos da Mariña? Da mesma maneira que a situación demográfica vai dividindo Galicia en dúas partes, as informacións dos padróns municipais debuxan unha comarca na que algúns oasis da costa non fan esquece-lo grave despoboamento interior. Admítense propostas. O problema está aí; hai Concellos que se están quedando sen habitantes.