Personaxes famosos e curiosos estruturas saíron a flote na regata da Dorna

Sara Pardo / A. L.

AL SOL

Carmela Queijeiro

Non Vexo a Boia trouxo a Vinicius á cita e Os Pintos volveron brillar co submarino do capitán Nemo

25 jul 2025 . Actualizado a las 20:46 h.

Acombinación de imaxinación e retranca, máis os meses de traballo duro, deron como resultado as espectaculares estruturas que sucaron onte as augas durante a Regata de Embarcasións Feitas á Machada e Propulsión a Pan de Millo. Esta é sempre unha das citas máis esperadas da festa da Dorna, o cal se reflectía no ambiente.

Xa de mañá, aparcar nos arredores de Coroso volvíase misión imposible. A praia enchíase pouco a pouco, mentres as peñas deixaban todo a punto para a comilona de máis tarde. Plantaron as súas carpas na zona e o fume das brasas empezou a impregnar o aire.

Sobre as dúas e cuarto do mediodía chegaba desfilando a marea dorneira e as primeiras embarcacións situábanse na beira do mar. Máis de trinta estruturas de todos os tamaños, cores e formas, a cada cal máis enxeñosa que a anterior. Sobre a area descansaban latas de sardiñas, narco lanchas ou barcas de distintos tipos.

Entre as famosas personaxes que acudiron ao gran día, atopábanse o dragón Desdentado, unha versión dos Ratos da Illa con dentes de roedor, e Non Vexo a Boia trouxo ao mesmísimo Vinicius Jr co seu balón de oro, bautizado como «balón de praia» por algún dos presentes.

Os Pintos Joden Quintos brillaron na arribada ao campo de regatas ca súa réplica perfecta do submarino Nautilus do capitán Nemo. Os afagos do público non tardaron en chegar: «É espectacular», «esta proba é o seu forte», escoitábase. E é que este ano volveron gañar o Jran Premio Cutre Sark unha vez máis.

Tocando Fondo quedaron segundos ca súa xigante balea, con efectos especiais incluídos, xa que desfilaba botando fume polo seu orificio. O terceiro premio levárono Os Corsarios, cun barco vikingo igualiño ao das festas, e no que ata se puideron columpiar sobre a auga.

Sorprendentemente, a bucina soou en hora e todos os participantes botáronse ao mar para guiar as súas embarcacións cara a vitoria, a remo ou a nado. «Un se sube e o resto empurramos», explicaban os de Mira Como Lusco sinalando cara o seu compañeiro, que lucía como o heroe de Zelda na embarcación do famoso xogo de Nintendo.

Algúns dos narcos perderon toda a carga antes de saír e os fardos quedaron esparexidos pola area mentres a lancha botábase ao mar. A historia repetiuse e o Titanic das Parrochas Papudas afundiuse antes de chegar á beira, pero o seu iceberg quedou intacto.

A pequena canoa dos Tabeiróns foi a máis veloz, volveu á beira antes de que a maioría apenas chegase ás boias, levándose o premio nesta proba. Mentres que as embarcacións máis grandes foron as últimas en pisar terra. Así como rematou a regata todos correron a xantar.