O currículo

Nones Araújo

AL SOL

21 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Por desgraza..., os servizos públicos de transporte están todos en folga e atópome co meu coche atrapada por unha manifestación. Por sorte..., comeza a chover a mares. Os manifestantes levantan a sentada e saen a lume de carozo a refuxiarse baixo uns soportais.

Por D..., recibo unha chamada no móbil na que me din que me anulan a cita para a entrevista de traballo por non chegar á hora concertada.

Por S..., hai unha praza en Zona Azul e aparco. Ao saír do coche, alguén me chama. Doume a volta e vexo a unha amiga da universidade. En cinco minutos, puxémonos ao día. Exerce de traballadora social na tal empresa, e ofreceuse a dar conta das razóns polas que non cheguei a tempo, asegurándome que me darían outra cita.

Por D..., son enxeñeira, e ben me coidei de non incluír ese dato no meu currículo. Só os estudos básicos de bacharelato de ciencias e unhas prácticas de caixeira nun supermercado.

Por S..., cando me chamaron, xa fixeran as entrevistas de paripé aos demais solicitantes, que tamén eran enxeñeiros e sabían demasiado.

Déronme o traballo axiña, sen entrevistas nin gaitas.

Por D..., tiven que facer un cursiño para aprender a «vixiar aos robots que terían que fabricar 100 parafusos en 60 segundos». O xefe de persoal aclaroume que o primeiro mes era de proba. Que non me descoidara. O choio aínda estaba no aire.

Por S..., aprendín logo a apertarlles o ritmo aos robots e conseguín superar os obxectivos.

Por D..., os superiores miraban para outro lado, ignorando os avances, que ben se vían.

Por S..., O 1º de maio, a Xunta Supervisora pediu resultados e alucinou comigo. Os meus robots, que eran uns cracks, listos coma lebres, chegaran a fabricar 100 parafusos en medio minutos, récord nunca antes conseguido.

Nomeáronme «Traballadora Lince do ano». Tiveron que subirme o soldo e déronme as vacacións en agosto. A sorte estaba no currículo.

Nones Araujo. Xubilada. 69 anos. Vigo.