Teté Delgado: «Xogar cas olas é o que máis me gusta do mundo»

álex g. chouciño / j. b.

AL SOL

BASILIO BELLO

Para ela falar de verán e falar de Malpica de Bergantiños

15 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Gústalle pasear e socializar moito. Facía nudismo, pero agora cos móbiles xa non lle chista tanto. O faro das illas Sisargas é o edificio ao que sempre se aferra para non perder o norte. Por se falla, tamén leva un compás no bolso.

-Vivir ao lado do mar ou casa con piscina?

-Vivir ao lado do mar. Sempre!

-Que non pode faltar na túa bolsa da praia?

-Na miña bolsa da praia? Practicamente nada… O traxe de baño!

-Porque, con que prenda te sentes máis cómoda?

-Hai anos aínda podía facer nudismo. Agora é moi complicado co conto dos móbiles. Xa os nudistas nos íamos a praias afastadas, que había que percorrer bastante camiño e íamos porque queríamos estar a gusto. Agora esas praias están inundadas de xente con roupa e daquela non vexo ningún recuncho seguro coa xente que anda cos móbiles. Daquela pois agora poño traxe de baño, porque teño corpo desa prenda, non de bikini.

-Que cousas aproveitas para facer en verán?

-Socializar moitísimo coa xente. Porque toda a familia xúntanse todos en Malpica polo verán. Ves como medran os primos, os fillos dos primos... Tamén estou na praia, paseando e tomando algo polas terrazas.

-Como te metes na auga?

-Normalmente vou pouco a pouco cando está fría, para que o meu corpo se acostume a ese frescor das augas malpicás. Vou amodo porque me gusta pasar tempo na auga, ata que teña os dedos rechumidos non saio. Gústame que haxa movementos de olas para xogar con elas. Xogar cas olas é a cousa que máis me gusta do mundo.

-Algún recordo que che veña á cabeza ó escoitar a palabra verán?

-Malpica! Cada vez que me probaba roupa de verán imaxinábame ou baixando as escaleiras da Roda, un bar que forma parte da historia da vila e eu fun toda a vida. Sempre me imaxinaba baixando esas escaleiras ou no chiringuito (agora pub Leño) tomándome alí unha cervexa mirando para o mar. Daquela si vía que a roupa pegaba nesas situación levábaa senón non [risas].

-Este vai ser un verán de desconexión ou de facer quilómetros pola estrada?

-Este verán vai ser un mes de traballo, porque estamos coa xira de El intercambio. Agora o venres toca marchar xa para Madrid, para ir a Santander un par de días. Despois xa vamos directos para promocionar a función en Donostia, Valencia, Madrid de novo… Non desconectei nada a fin de contas.