A zona só ten un itinerario recoñecido pola Federación de Deportes de Montaña
25 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O centro comarcal Expolemos acollerá o 6 de maio unha xornada sobre a homologación da rutas de sendeirismo na que se informará sobre os pasos necesarios para crear itinerarios turísticos que poidan ser recoñecidos oficialmente pola Federación Española de Deportes de Montaña y Escalada (Fedme) e obter as subvencións que concede para estas iniciativas a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
A xornada organizarase en colaboración con Segatur, a primeira empresa galega especializada na creación e homologación de rutas de sendeirismo. Segundo explica Xosé Henrique Freixeiro, responsable desta firma, o único itinerario do sur lucense homologado pola Fedme é a ruta dos Chancís, en Sober, que foi sinalizada por iniciativa da Irmandade da Ribeira Sacra. No resto da provincia, as rutas homologadas tampouco son moi abundantes. «Ademais da de Sober, están a ruta do Loio en Paradela, outra en Gutiriz e outras cinco no municipio de Trabada», sinala Freixeiro.
A Fedme -engade- é a única entidade legalmente capacitada para balizar as rutas cos sinais amarelos e brancos que se ven en moitos itinerarios, pero que ás veces son utilizados de forma ilegal. Para empregar esta sinalización é necesario que as rutas sexan controladas por técnicos de sendeirismo titulados.
Garantía de calidade
A homologación da Fedme, sinala Freixeiro «supón unha garantía de calidade, porque indica que as rutas que contan con ela cumpren todas as normas de seguridade e que quen siga os sinais non correrá o risco de perderse ou de sufrir accidentes». A federación controla cada dous anos todas as rutas incluídas nesta categoría e pode retirarlle a homologación a aquelas que non se manteñan en estado transitable.
Desde hai dous anos, por outro lado, contar con esta homologación é imprescindible para obter as subvencións que outorga a Agader para crear itinerarios de sendeirismo e que antes eran concedidas sen necesidade de cumprir este requisito.
Freixeiro puntualiza que algunhas rutas non homologadas están trazadas correctamente e teñen unha boa sinalización. «Pero o problema que teñen é que son menos coñecidas, porque as que si están homologadas figuran na páxina web da Fedme e noutros medios, e a información sobre esas rutas é comunicada tamén a Turgalicia», apunta.
Outras rutas non homologadas, explica por outra parte o responsable de Segatur, «non ofrecen as garantías debidas, están mal sinalizadas e os visitantes que as percorran poden extraviarse ou incluso accidentarse se os tramos perigosos non están ben indicados». Por outro lado, «en moitas desas rutas o único que se fai é colocar algúns sinais e despois ninguén se preocupa de mantelas en estado transitable. Estas rutas dan unha mala imaxe para o turismo dunha comarca», engade.
Para asistir á xornada formativa de Expolemos é preciso inscribirse previamente chamando ao teléfono 982????416????046 e abonar unha taxa de dez euros. A convocatoria diríxese aos responsables de turismo dos concellos, ás empresas turísticas, ás asociacións veciñais e comunidades de montes e calquera outro colectivo interesado en crear rutas de sendeirismo. A xornada só se celebrará se hai un mínimo de vinte persoas inscritas.