A Deputación favorecerá que os emigrantes lucenses creen empresas e invistan na súa terra

Cristina López

LEMOS

O presidente realizará en setembro unha visita institucional a Sudamérica

27 ago 2008 . Actualizado a las 19:18 h.

Unhas 44.000 persoas da provincia de Lugo residen actualmente no exterior. Delas, o 80 por cento viven en Sudamérica. Propiciar que eses emigrantes lucenses poidan constituír unha empresa no seu país de residencia, ou ben Lugo, como unha vía de inserción laboral para poder retornar, é o obxectivo dun programa que a Deputación poñerá en marcha no vindeiro mes de setembro. Con «Iniciativas Emprendedoras» o organismo provincial tentará tamén ofrecer a oportunidade de ampliar mercado e diversificar a súa actividade a aquelas persoas que xa teñen constituída unha empresa e queren realizar investimentos aquí ou expandirse cara ao mercado lugués ou galego.

De explicar os detalles deste programa destinado a emigrantes lucenses e aos seus descendentes encargouse onte a presidenta en funcións, Lara Méndez, quen anunciou que o titular do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, viaxará en setembro a Sudamérica para inaugurar a primeira das iniciativas formativas que a Deputación de Lugo realiza no exterior. Esa visita tamén servirá para captar investimentos e abrir novos mercados internacionais.

En Sudamérica, o presidente da Deputación desenvolverá unha apertada axenda, xa que durante seis días -do 7 ao 13 de setembro- visitará tres países. Gómez Besteiro estará en Montevideo, Bos Aires e Caracas, onde manterá reunións empresariais de alto nivel con representantes de institucións, factorías e asociacións empresariais de gran prestixio.

Saldar outra débeda histórica

En palabras de Lara Méndez, «a provincia de Lugo sairá fortalecida deses contactos internacionais. Fronte á política da esmola que practicaba o anterior goberno provincial, nós apostamos por políticas empresariais». A presidenta en funcións tamén se referiu ao triplo obxectivo da viaxe institucional do titular da Deputación: inaugurar o mencionado programa de formación; facer negocio captando investimentos e abrindo novos mercados grazas á cooperación empresarial e dos dirixentes institucionais de países sudamericanos e poñer fin a outra débeda histórica deste organismo provincial, xa que «a de Lugo era a única Deputación que nunca mirou polos seus emigrantes, a pesar de que son moi numerosos, xa que case en todas as familias houbo polo menos un emigrante».

Con este plan piloto dirixido aos lugueses que residen na emigración e con outro destinado aos emprendedores da Mariña, Méndez non dubidou en afirmar que o de setembro será para a Deputación de Lugo o mes da economía e da empresa. Tamén precisou que nestes dous programas se leva tempo traballando, xa que os convenios para levalos a cabo se asinaron antes do verán. Finalmente concluíu dicindo que se trata de dúas iniciativas coas que claramente se aposta polas empresas de Lugo, tanto polas que están dentro desta provincia, como polas de fóra.

En relación co programa sobre empresa familiar e sucesión que se iniciará en Viveiro, a presidenta en funcións do organismo provincial destacou que tan importante como crear empresas é mantelas. En canto á cifra de participantes en cada un deses programas, tratarase de que sexa un número reducido para que a atención sexa máis directa e individualizada. No caso do plan integral para emprendedores lucenses no exterior, haberá unha vintena de cursillistas aos que se lles brindará a posibilidade de decidir entre crear empresas alí ou xerar riqueza nos seus lugares de orixe. Iso si, brindaráselles en todo momento unha radiografía real da provincia para que saiban o que se van atopar en caso de que decidan voltar a Lugo.