O reitor compostelán pide altura de miras na negociación do marco financeiro que comeza hoxe e esixe unha atención singularizada a cada institución
10 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.A recta final do segundo mandato de Senén Barro (As Pontes, 1962) non está resultando precisamente tranquila. O acordo de Medicina acaba de asinarse a xa o acompañan as críticas, e Barro marcharase en plena negociación do novo plan de financiamento. Sen embargo, non consinte que lle chamen reitor en retirada: «Son un reitor rematando o meu mandato, o que non pode significar que eluda responsabilidades».
-¿Que compromiso teñen sobre a negociación do novo plan de financiamento?
-Precisamente mañá [por hoxe] temos a primeira reunión. Un novo plan de financiamento este ano é imprescindible. Supoño que nos trasladarán información, datos, e algunha orientación sobre como o quere enfocar a Xunta.
-¿Aprobarase antes de que remate o seu mandato?
-Non o sei, porque os tempos non os marco eu. Sería bo que os prazos permitisen que sexa o novo equipo reitoral quen asuma este tema coa Xunta. Pero se os tempos non o posibilitan, hai que ir traballando, non podo eludir esa responsabilidade como non eludín outras. E neste sentido así llo trasladei a todos os potenciais candidatos a reitor da USC.
-¿Con que reivindicacións se vai sentar a USC?
-Hai dúas cuestións que son condición sine qua non . A Xunta ten que asumir este novo plan cun esforzo importante dende o punto de vista dos recursos que achega ao sistema. Estando lonxe de ser un momento óptimo para abordar este plan dende a crise, gobernar tamén significa establecer prioridades, e no noso país unha prioridade incuestionable debe ser a educación superior e a investigación. Mal empezamos se a Xunta afronta este novo plan pensando en non investir bastante máis recursos dos que está investindo nos sistemas.
-¿A outra condición?
-Un plan de financiamento ten que axustarse á realidade dos perfís das universidades. O actual non atende suficientemente á realidade de actividades e responsabilidades que asumimos as institucións, e moi singularmente esta. A nosa realidade en moitos sentidos é diferente e require dunha proxección nun plan de financiamento distinto.
-¿Entón nesta política de café para todos a USC é a máis prexudicada?
-Efectivamente, se se pretende un deseño do plan que non singularice, ou que atenda por igual máis ou menos ao común denominador das universidades, nós somos os máis prexudicados. Se só se atende ao común denominador se nos penaliza.
-¿Parten dunha cifra por debaixo da cal non se negocia?
-Non, é unha cuestión de analizalo en función dos datos que poña a Xunta enriba da mesa. A USC compite en excelencia internacional con universidades que están por enriba da media estatal en financiamento, e nós non só non estamos na media, senón un 20 ou un 25% por debaixo. Ao final as cousas se conseguen a base de ser imaxinativos colectivamente.
-Tendo en conta as críticas que Educación fixo aos reitores, ¿é o mellor equipo para sentarse a falar de financiamento?
-Non sei se é o mellor, pero é o que é. Sempre procuro ter un respecto institucional e tamén persoal a quen ten responsabilidades, sobre todo se teñen incidencia sobre as miñas.