A responsable da política de vivenda ve no plan de solo residencial unha ferramenta axeitada para facilitarlles o acceso ás familias e manter o emprego en tempo de crise
09 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A conselleira nacionalista de Vivenda é a promotora dunha das propostas máis ambiciosas da Xunta fronte a crise, o Plan de Solo Residencial. Trátase dunha das poucas iniciativas nas que Táboas aínda non atopou contestación política, mesmo dos socios de Goberno.
-O plan prevé 45.600 pisos protexidos ata o 2017. ¿Cando comezará a construción?
-O plan sectorial é unha planificación da consellería pensando nas familias e nas pequenas e medianas empresas. Pensamos poder ir desenvolvendo e tramitando solo ao longo do 2009, nas pezas con máis demanda de vivenda de prezo taxado, e no 2010 estaríamos urbanizando.
-¿Axudará o plan a cumprir o obxectivo de moderar o prezo da vivenda no mercado libre?
-Sen dúbida. Ademais de ser o primeiro plan no Estado desas características, vai permitir actuar contra a crise en tres liñas fundamentais. Dunha banda, para axudar a todas as familias que quedaron fóra do acceso á vivenda. Ademais, vai crear un volume de negocio para o sector privado e a pequena e mediana empresa que lle permitirá manter unha carga de traballo importante e impedir a perda de emprego. E os concellos teñen no plan unha fonte de ingresos, polas licencias de obra e pola xente que irá vivir a esas vivendas. O plan tamén vai duplicar as zonas verdes.
-A Xunta presenta o plan como unha boa saída para a iniciativa privada en tempo de crise. ¿Compárteo o sector?
-O sector está a apoiar o plan, porque ve nel unha fórmula de colaboración entre a Administración e a iniciativa privada. Estamos a vivir o fin dun modelo económico que está esgotado. O modelo de facer máis feble o sistema público non resultou.
-Pero as súas iniciativas teñen chocado cos intereses dos alcaldes. Na Lei de Vivenda, a Fegamp arranxou coa consellería. Pero nas Normas do Hábitat as reticencias persisten.
-Esta tensión sempre é boa se é para mellorar a vida dos galegos, que é o importante.
-O presidente da Fegamp obxectou un interese do BNG en meterse no urbanismo.
-Cando pode haber reticencias que albiscas que pouco teñen que ver coa filosofía dunha normativa que quere mellorar as condicións de vida dos cidadáns, cada quén terá que dar explicacións. Ese tema está pechado. O que esperan os galegos é que traballemos. Aí está o comité asesor, no que están representados todos os sectores. Non facemos documentos pechados.
-O caso é que, pola insubmisión activa dos promotores, ao facer acopio de visados antes da entrada en vigor, as normas non se aplicarán ata o 2010.
-Claro. Terá unha entrada paulatina. De todos os xeitos, xa se están a visar proxectos que cumpren coas normas. É certo que se retrasará por esa situación, pero o anterior decreto era de 1992, tivo dezasete anos de vida.
-Manteñen a teima de que Galicia debe xestionar os cartos do Plan de Vivenda sen mediación ministerial. A demanda parece ter difícil encaixe.
-Así o defendemos dende a consellería, pero tamén o Parlamento por unanimidade. Galicia tenlle formulado ás tres ministras que ocuparon o cargo a necesidade de esa territorialización dos fondos. A estrutura actual do plan impide en moitos casos desenvolver as políticas máis acaídas para a poboación galega. A realidade de Canarias non é a de Galicia. Seguiremos a loitar pola territorialización, pero non tivemos avances.
-O que pide Galicia é baleirar de contido o ministerio.
-Bueno, somos a única comunidade que está a pedir con insistencia esa territorialización. Agardo que se poida facer fóra do plan, pero... Nós somos teimudos, e estamos a porfiar.