Fernández cre que a produción biolóxica galega vai experimentar un importante crecemento
16 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Produtor de carne de vacún, castañas e mazás no municipio lucense de Baralla, José Antonio Fernández foi elixido en decembro presidente do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), cargo que xa ocupaba en funcións. En representación deste organismo con sede en Monforte, Fernández asiste a vindeira semana en Alemaña á grande feira de agricultura biolóxica Biofach, unha das principais europeas deste sector, que en Galicia agrupa actualmente a uns catrocentos produtores.
-¿Que perspectivas de futuro ten hoxe a agricultura ecolóxica galega?
-Creo que o sector vai crecer significativamente en pouco tempo, iso é algo case obrigado. En canto á produción, penso que as novas axudas que vai outorgar a Consellería de Medio Rural ás explotacións sostibles van ser moi importantes. Ás industrias transformadoras de produtos ecolóxicos tamén se lles podería prestar máis axuda. A comercialización é o aspecto en que máis fallamos e imos facer todo o posible por mellorar a situación.
-¿Que presenza teñen actualmente estes produtos no mercado galego?
-Un dos grandes problemas que temos é que estes produtos aínda son moi pouco coñecidos en Galicia e a súa venda restrínxese a poucos sitios: tendas especializadas, algún grande supermercado... Habería que introducir os produtos ecolóxicos nas grandes cadeas comerciais e nos demais establecementos alimentarios. Para iso hai que facer máis estudos e enquisas, a fin de saber cales poden ser os produtos máis interesantes para o mercado galego, e tamén sería necesario facer máis campañas de información aos consumidores. Ultimamente xa se fixeron un par de campañas deste tipo, pero creo que non chegaron a moita xente.
-¿E como están as exportacións neste sector?
-Hai determinados produtos, como as castañas, o leite ou a carne, que xa están saíndo en cantidades importantes para outras partes de España e de Europa. O que habería que potenciar máis é a venda de produtos de horta, que deberían canalizarse sobre todo ao mercado galego, pero que tamén poderían saír para fóra.
-Ademais de que a produción ecolóxica é máis cara que a convencional, darse de alta no Craega pode levar bastante tempo e o proceso de adaptación das explotacións custa o seu diñeiro. ¿Como se poden solucionar estes inconvenientes que se lles presentan aos produtores?
-A produción ecolóxica por forza ten que ser máis cara, porque non utiliza fertilizantes químicos nin métodos intensivos, e non é moi fácil abaratala. Os produtos ecolóxicos son máis caros, pero a cambio ofrecen todas as garantías ao consumidor e as explotacións son as que menos prexudican ao medio ambiente. Outra cousa é o custo que ten conseguir a certificación de produtor ecolóxico, que pode compensarse mellorando as axudas oficiais. Hoxe en día, o proceso de conversión das explotacións convencionais en ecolóxicas require dous anos na maioría das veces. Imos esforzarnos por axilizar este proceso e conseguir que entre na produción ecolóxica toda a xente que sexa posible. Hai que dicir tamén que se este proceso resulta tan longo é en parte porque aos produtores que queren inscribirse se lles esixen moitas cousas, os trámites son algo complicados e non é raro esquecerse dalgún detalle cando a xente os está realizando.
-¿O Craega conta hoxe con suficiente persoal e medios técnicos para atender a todos os produtores que queren darse de alta no sector?
-De momento ímolo levando, pero se é necesario, pediremos axudas a Medio Rural para incrementar o noso persoal. Penso que por cuestión de cartos non haberá problema. Desde que estamos ao cargo do consello regulador, notamos que por parte da consellería hai unha disposición bastante boa con respecto a este sector e esperamos que siga así.
