Félix Porto é alcalde de Muxía, un municipio que no último decenio perdeu preto de mil habitantes, en torno ao 20% da poboación que tiña. A sangría de habitantes non parou aínda. Cada vez son menos os barcos atracados no porto e non hai tecido industrial para permitir crear emprego. O rexedor socialista é optimista e confía nos resultado das últimas accións política postas en marcha.
-¿Como chegou Muxía e a Costa da Morte á actual situación?
-O pasado está aí, o que temos é froito dun deseño de malas políticas, a unha oferta de formación non baseada en necesidades laborais, senón orientada a satisfacer determinadas políticas.
-¿Como ve a estado da Costa da Morte na actualidade?
-Somos unha das únicas comarcas costeiras que perden poboación. Quero crer que é posible reverter este proceso, ao mellor non a curto prazo, pero tampouco hai que pensar a longo prazo. Co Pacto Territorial polo Emprego veranse resultados en dous ou tres anos. Trátase de reducir a precariedade e conseguir estabilidade. A despoboación é un dos males endémicos que estamos tentando erradicar.
-¿Que posibilidades ten de desenvolverse un concello como Muxía?
-No que atinxe a Muxía, o turismo e o mar serán pezas clave do proceso. Entre Carballo, A Coruña e Muros nós seremos un dos único lugares que en pouco tempo contará cun hotel de cinco estrelas e outro de catro.
-¿A clave vai ser o turismo?
-Tamén hai que consolidar a pesca e a agricultura, e iso independentemente do sector servizos. En todos estes ámbitos o que hai que conseguir é formación. A todos lles tiran as orixes. Para conseguir que a poboación que perdemos regrese témoslle que dar seguridade e estabilidade no traballo. Hai que habilitar os mecanismos para facelo.
-¿Cre que é posible que a zona deixe de perder poboación e mellore no emprego?
-O primeiro é identificar a raíz do problema. Hai recursos propios e programas europeos para poder actuar. É hora de deixarse de liortas localistas. Hoxe estanse poñendo as bases. É algo que se plasma en concellos onde se están consolidando infraestruturas. O compromiso está aí.
