A emigración a partir de 1709

Víctor M. Castiñeira Castro

CARBALLO

A forte crise de principios do XVIII na Costa da Morte propiciou o éxodo de centos de traballadores

09 oct 2009 . Actualizado a las 11:21 h.

Na actualidade é ben coñecido por todos a importancia que ten a emigración en Galicia, en xeral, e nas terras fisterrás, en particular. Na nosa zona, a emigración non deixa de ser un mal endémico que se repite con maior ou menor intensidade según as diferentes variables, aínda que na actualidade o factor primordial desencadeante da mesma sexa o económico. Así, coincidindo coa actual crise económica, a emigración repunta e volve a recuperar destinos, case que esquecidos como Suíza, que tivera un papel fundamental nos setenta e primeira parte dos oitenta do século pasado.

Os inicios do fenómeno migratorio como algo recorrente na comarca podemos situalos 300 anos atrás. Aínda que na segunda metade do século XVII atopamos nos rexistros parroquiais algunhas referencias a veciños falecidos en Castela ou Madrid, será a partir do século XVIII, e concretamente da crise de 1709-11, cando o fenómeno da emigración se consolide para pasar a formar parte da realidade cotiá dos habitantes do territorio máis occidental da provincia de A Coruña.

Se nos adentramos na análise dos motivos que levaron a estas persoas a tomar a decisión de emigrar, atopámonos que, dende mediados do século XVII, dábanse en Galicia, sobre todo na costa, claros síntomas dunha recuperación demográfica. Este feito, unido a un período negativo no entorno agrario, fará que se rompa o precario equilibrio existente entre poboación e recursos.

Pero, ademais desta situación circunstancial, outros integrantes estables potenciaron sempre a emigración de parte dos seus habitantes. Entre eles estarían un medio físico adverso, debido á situación xeográfica e climática; a existencia dun sistema económico de base agraria tradicional, na que o tamaño e a composición das explotacións agrícolas, en xeral pequenas e pouco rendibles, imposibilitaba o mantemento dunha familia numerosa.

Por outro lado, estaba a incidencia da estrutura e distribución da poboación, as formas de transmisión do patrimonio e o feito de carecer de núcleos urbanos capaces de acoller o excedente de man de obra rural. Ademais, sobre estes veciños recaían inxustas cargas tributarias e continuas levas militares.

Como consecuencia do agravamento de todos estes axentes mencionados, e diante da necesidade apremiante de atopar novas fontes de ingresos para subsistir, os galegos incorpóranse a unha corrente migratoria de duración, distancia e intensidade desigual.

En primeiro lugar, e cara o entorno máis próximo, marchan os mozos solteiros que buscan unha axuda complementaria para a economía familiar, ou que intentan fundar un fogar independente para, en numerosos casos, regresar unha vez conseguido este obxectivo. Trátase dun movemento no que se integran por igual as mulleres que se empregan no servizo doméstico.

Hai ademais unha migración estacional, sobre todo dende as localidades máis orientais e meridionais, formada por campesiños que buscan un xornal e que marchan a traballar nas tarefas da sega ou de cava de viñas en grandes explotacións sitas no norte de Portugal, Navarra, Andalucía...

De todos os xeitos, este tipo de desprazamento tivo como centro básico de destino as zonas agrarias castelás, aínda que progresivamente será substituído, debido ás mellores expectativas, pola marcha concreta cara Madrid.

Este cambio trouxo variacións na duración da emigración, pois a veces convertíase en definitiva, e tamén no tipo de traballos desempeñados polos seus integrantes, xa que os homes ocuparon postos dentro da parcela de servizos (augadores, portadores., criados, peóns,?) e as mulleres, ademais das diversas ocupacións dentro do ámbito do servizo doméstico, empregáronse como amas de cría.

A esta corrente unirase outra dende a área máis occidental galega que opta por enlazar con Cádiz e con cidades andaluzas próximas para, desde alí, pasar a América nun intento de emular a outros membros desas comunidades que tiveran éxito na aventura.

Para o estudo da emigración, o problema máis grave ao que temos que enfrontarnos é o das fontes. Unha das máis importantes, por non dicir a que máis, para reconstruír o fenómeno migratorio é o rexistro sacramental dos libros de bautizados e defuncións, conservados nos arquivos parroquiais.

Partindo da base que no antigo réxime a emigración predominante é masculina, a través desta fonte podemos saber dúas cousas. A primeira é a existencia ou non de emigración. Para isto chega con saber ás relacións de masculinidade ó morrer, é dicir, saber cantos homes morren por cada cen mulleres.

A outra información que podemos obter, aínda que neste caso só coñeceremos unha parte mínima dos casos reais, é o destino dos emigrantes, que queda sinalado nos actos de honras fúnebres que os familiares celebran na parroquia orixinaria do finado.

A análise dos datos dos arquivos parroquiais de San Xoán de Sardiñeiro, San Vicente e San Martiño de Duio, San Adrián de Toba, San Estevo de Lires, Santiago de Ameixenda e A Xunqueira de Cee, amosan que a emigración nesta zona empeza a coller importancia a finais do século XVII, incrementándose o fenómeno de forma considerable a partir da década de 1710.