«Todo o mundo chega a Cabo Vilán coa ilusión de subir ao faro»

M. V.

CARBALLO

03 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que é moi moza (ten 22 anos), Carolina Quintela xa coñece moi ben algúns dos lugares turísticos máis fermosos da Costa da Morte. Da man de Neria traballou como técnica de información turística nos Batáns do Mosquetín e nas Torres do Allo e desde o pasado sábado está no Centro de Interpretación dos Faros, Sinais e Naufraxios, ubicado no faro de Cabo Vilán.

-¿Recibiron xa moitas visitas?

-A verdade é que si. Levamos só tres días abertos e xa pasou por aquí moitísima xente. Moitos turistas estranxeiros e tamén españois.

-¿Que é o que máis lles interesa?

-Os estranxeiros son os que fan máis preguntas, porque os folletos en inglés aínda se están elaborando. Gústalles moito todo o que ven e marchan encantados, porque a mostra é preciosa e o entorno do faro é espectacular.

-¿Que poden atopar no museo?

-Poden ver pezas dos antigos faros e explicámolles para qué servían, onde estaban... Todo o mundo chega a Cabo Vilán coa ilusión de subir ao faro, pero xa non se pode, por iso lles amosamos un vídeo co que poden facer unha subida virtual á lanterna e velo todo por dentro e como funciona.

-¿Cree que na Costa da Morte se ofrece boa información turística?

-Queda moito por mellorar, aínda que pouco a pouco vanse facendo cousas boas, como os folletos dos concellos. A xente coñece moito a Costa da Morte, pero temos que dala a coñecer aínda máis.