Arte barbancesa en Madrid

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

A Casa de Galicia abriu a programación do 2011 cunha exposición pictórica do ribeirense Antonio Pérez

14 ene 2011 . Actualizado a las 11:50 h.

O eido artístico ten cada vez máis peso en Barbanza, non só pola proliferación de salas e de creadores na propia comarca, senón pola exportación da arte con selo local a outros lugares de Galicia e mesmo de fora das fronteiras da comunidade. Un pintor ribeirense, Antonio Pérez, ven de inaugurar unha exposición de cadros na capital madrileña, concretamente na Casa de Galicia.

A colección de pinturas leva por título Arousa e serve para abrir a programación cultural do novo ano na delegación da Xunta de Galicia en Madrid. Na apertura da exposición, o artista de Ribeira estivo acompañado por Ramón Jiménez, coordinador de actividades culturais no centro galego, quen lembrou o pasado do artista, sinalando que naceu no seo dunha familia mariñeira e xa desde pequeno traballou co seu pai nunha dorna, aprendendo as distintas artes de pesca: «De aí venlle a Pérez a súa paixón polo mar».

Temática mariñeira

Jiménez referiuse a outros aspectos da vida do ribeirense, sinalando que aos 24 anos, convertido xa en capitán de pesca, partiu cara os mares de Sudáfrica, onde desenvolveu a súa profesión ao longo dunha década. «Actualmente é mariñeiro en terra, mariñeiro reconvertido en profesor de pintura e debuxo en Ribeira, que recolle nos seus cadros o froito de tantos anos de navegación, eses peixes que durante tanto tempo flotaron na rúa retina», explicou o coordinador cultural da Casa de Galicia.

Sobre a obra de Antonio Pérez, Jiménez destacou a temática mariñeira que a caracteriza e a sensación de paz «que transmiten os personaxes e as escenas que habitan nos cadros, que provén quizais do contraste coa dura batalla que libran os mariñeiros contra o proceloso mar».

O pintor ribeirense explicou que a colección de cadros presentada é unha homenaxe a Arousa: «O lugar onde nacín e a ría máis fermosa do mundo». No acto de apertura da exposición, Antonio Pérez sinalou que os cadros son «como anacos de quen os realiza», explicando que, aínda que lle gustan moito as paisaxes, «o protagonismo téñeno sempre as figuras, que reflicten unha calidez que contrasta coa dureza da profesión».

Esta colección de obras do pintor ribeirense permanecerá en Madrid ata o vindeiro día 29.