Reivindicar que as clases de ciencias tamén se poden impartir en galego era o obxectivo da xornada organizada onte polos equipos de normalización lingüística e os departamentos de ciencias dos distintos institutos da comarca. Con tal motivo, os rapaces saíron as rúas das súas respectivas localidades para participar en xogos matemáticos e realizar todo tipo de prácticas relacionadas coa materia.
Nesta xornada participaron activamente os estudantes do instituto Asorey de Cambados, que reconstruíron na praza do Concello o sistema solar e mediron varios obxectos utilizando o goniómetro, un aparato que fabricaron eles mesmos para medir alturas. Tamén saíron ás rúas os alumnos de Vilagarcía, que realizaron xogos de números e de mesa na praza de Galicia. E os dos dous institutos de Vilanova percorreron as rúas nun paseo matemático e fixeron unha exposición cos elementos químicos.