Santiago énchese nestes días de voces femininas coa melancolía sacudida polos ritmos, desde o jazz ao pop.
26 jun 2008 . Actualizado a las 20:49 h.Compostela estase enchendo de mulleres. Non me refiro as que andan polas terrazas en grupos mentres as súas parellas asisten ao enésimo enterro da furia española por parte dos restos da Unión Soviética. Refírome a que Santiago énchese nestes días de voces femininas coa melancolía sacudida polos ritmos, desde o jazz ao pop.
Terela Gradín e Lucía Martínez, voz a primeira e percusión a segunda, déronlle onte unha volta ao jazz, distanciándose desa imaxe das solistas, buscándolle un acomodo a facer jazz aquí e agora como se fose calquera outra cousa.
Despois do jazz sempre pasan outras cousas. Silvia Penide distingue entre o aire e o vento o que explica a súa visión tirando a poética da vida e con poética quero dicir aquela que non se deixa seducir polo lado científico das cousas. Canción de autor, polo tanto, e sen necesidade de discutir sobre a etiqueta, porque todas as cancións teñen autores, mesmo que non se coñezan. A diferenza é que estas son de Silvia Penide e contan historias de Silvia con ese punto de min para ti. As outras non.
Carmen Dor tamén escribe cancións, así que tamén podería entrar na etiqueta de canción de autor. Pero a xente despistaríase e acusarían de confusión ao xornalismo e todas esas cousas que se din cando alguén quita as etiquetas como quen retira o cobertor de riba dunha cama. Dor canta nese espazo amplo pero concreto que queda baixo o jazz e que utiliza referentes de moitas músicas.
Debaixo do jazz pasan tantas cousas que hai días que todo podería ser jazz e recibir outros nomes diferentes. Pero este que ten, jazz, está moi ben porque non quere dicir nada e quere dicir todo. É a etiqueta menos etiquetadora de todas as etiquetas e quizais por iso a súa resistencia. O que fai Carmen Dor co jazz é utilizar moitos dos seus recursos para aplicalos sobre outras músicas que habitualmente proceden da música popular. Poñamos que o tango ou a bossa nova, poñamos que un alalá. Escritos sobre unha formación jazzística que chama polo próximo, que trata a música con intimidade, que busca a complicidade do espectador e dar cunha plataforma para contar a historia das letras.
Lugar: Teatro Principal. Día: xoves | Horario: 21.00 horas | Precio: 5 euros
Lugar: Salón Teatro. Día: venres | Horario: 22.00 horas | Precio: 10 euros (6 con descontos)