52 anos. Funcionario. Santiago de Compostela.
02 ago 2008 . Actualizado a las 12:44 h.Leva tanto tempo esperando este momento que a ansiedade mantena en constante estado de axitación.
Atrás quedan os duros meses do inverno, nos que a capa protectora que a cobre apenas si logrou mantela viva. Ese frío que lle conxelaría, de telos, ata os mesmos ósos, pasou.
Todas esas sensacións pasan pola súa cabeza mentres sente como o seu corpo vai cambiando a velocidade de vertixe.
Nota como as súas extremidades van collendo forza, o que lle vai permitir cumprir o que veu facer ao mundo.
Mentres se espreguiza a súa mente amósalle imaxes pasadas. Aínda lle parece estar oíndo a respiración dos seres que pasaban preto da súa morada. Unhas veces tranquila e acompasada; outras, alasante e atafegada.
Lembra como estes últimos eran perseguidos nunha aloucada carreira baixo un estrondo enxordecedor. Detrás destes aterrados animais ían seres que portaban artefactos que vomitaban fogo, producindo un ruído semellante ao dos lóstregos nas noites de tronada. Tempo despois volvían sobre os seus pasos portando, sen vida, aos animaliños que vira correr espavorecidos. Lembranzas moi amargas. Pero non todo son recordos tristes. Lembra que nas plácidas mañás de inverno, cando o sol comezaba a temperar o ambiente, os paxariños se deixaban ver para atraer, cos seus harmoniosos trinos, as súas parellas.
Recorda tamén o delicado arrecendo das flores que co espertar da primavera ousaban asomarse e sobre as que as abellas describían acrobáticos voos antes de se pousar para levar a cabo a súa tarefa.
Os seus membros rachan a capa do seu abrigo que cae ao baleiro. Ante si olla un fermoso campo de flores bañado polos raios do sol e os ollos énchenselle de bágoas. Bágoas de ledicia. Bágoas de tensa espera.
Baixo a lene brisa do mediodía as abellas buscan as flores máis cargadas de pole. Os paxaros, implicados nos seus xogos amorosos, semellan ignorar o que ocorre ao seu redor.
A bolboreta levanta o voo, titubeante, e vaise pousar no primeiro gromo que atopa.
Ante as exiguas vinte e catro horas que durará a súa vida, quere gritar: «Teño toda unha vida por diante».