Vanesa Sotelo (Cangas, 1981) explica case de primeiras que «o teatro radiofónico ten que ser visto cos oídos» e que o papel dun dramaturgo neste xénero e «tentar achegar máis detalles e deixar menos cabos soltos». Así fixo ela en Indoor, a peza que gañou o premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico elixido polo xurado. A obra seleccionada pola audiencia foi O vento da illa, de Begoña García.
-Agora que xa escoitou a obra montada, ¿cre que a peza valería para os escenarios?
-Si que a vería porque todo é adaptable por máis que non sei se nos escenarios tería máis liberdade e a creación de ambiente tería que ser doutra maneira. No teatro radiofónico escríbese para ser visto cos oídos.
-¿Entre a idea da autora e o resultado emitido hai moita distancia?
-Como creadora non valoro como faría eu porque hai moitas maneiras de facer as cousas. Pero a obra montada traballa moi ben a idea da claustrofobia que é moi importante.
-Despois de escribir para a escena e de escribir para a radio ¿cales son as diferenzas?
-No meu caso tento escribir con máis precisión, dar máis detalles, deixar menos cabos soltos, utilizar máis adxectivos que orienten ao oínte. Logo creo que tamén unha maior constrición na maneira de contar.
-¿Contar para un público que non estará diante crea algo de inseguridade no autor?
-Pode ser. O espectador da radio pode ser moito máis creador do que un espectador nun teatro. Pode e ten que crear as súas imaxes para acompañar á historia. Neste obra, o feito de que me cinguise á historia da muller ou de que pasen cousas estrañas pero concretas serve para que se vaian agarrando e non se despisten cos símbolos.
-¿É máis cómodo o escenario ou a radio?
-Incómodo pode ser todo porque hai dificultades en ambos. Non sabería dicir, porque me enfrontei as dúas cousas co mesmo rigor.