Nunca faltou ás sesións da Seminci ata que o mal lle impediu saír da casa. Moitas veces compartín butaca anónima a seu carón no histórico Teatro Calderón. Non era espectador común, era un escritor de referencia pero tamén cinéfilo compulsivo que entre 1943 e 1962 publicou case 400 críticas no diario da súa vida, El Norte de Castilla . En moitas ocasións acompañadas de caricaturas sobre actores e actrices que asinaba como Max. Non é habitual en España a fermosa suma da paixón polo cine e grande das letras.
Como tampouco é frecuente o ritmo de adaptacións ao cine e á televisión das súas novelas e relatos, nunha relación que comezou Ana Mariscal en 1962 con El camino e rematou polo de agora en 1990 con La sombra del ciprés es alargada de Luis Alcoriza. Entre medio un dos cumios do cine español, Los santos inocentes , coa que Mario Camus acadou para Rabal e Landa o premio en Cannes en 1984. Mesmo foi guionista para César Ardavín no documental Tierras de Valladolid , de 1966. En espera, pode que José Luis Cuerda retome o seu proxecto El hereje , que tamén prevía rodar nalgúns exteriores galegos.