Miguel e Ignacio, padres de acollida: «Preferimos acoller un adolescente porque é quen máis o necesita»
YES
Decidiron convertirse en familia acolledora durante a pandemia, e a día de hoxe, xa van catro anos desde que chegou á súa vida Gabriel, que entón tiña 12 anos, pero que o próximo ano cumprirá a maioría de idade. «Acoller un neno é unha das cousas polas que vale a pena estar neste mundo», confesan
07 oct 2025 . Actualizado a las 09:27 h.«Durante a pandemia decidimos que nós estábamos ben, ao fin e ao cabo vivimos esa época con tranquilidade na nosa casa, non tiñamos ningún problema maior. Non obstante, sabiamos que había nenos que estaban encerrados en centros e que a súa posición facía que fosen máis vulnerables, ata o punto de vivir unha situación moito máis dura que o resto da cidadanía», conta Ignacio. El, traballador social de 60 anos e natural de Calo, e mais a súa parella, Miguel, un pontevedrés de 45 anos e administrativo na universidade, son unha das 330 familias acolledoras da rede da Cruz Vermella. Eles, hai xa catro anos, puideron facer realidade a súa vontade: acoller.
A raíz do confinamento, Ignacio e Miguel chegaron á conclusión de que querían achegar o seu gran de area e ofrecer un fogar e, por suposto, unha familia a un neno ou nena que o precisase. «Coñecemos a realidade dos centros a través dunha amiga nosa que traballa nunha casa de familia. Daquela, conmoveunos o feito de saber que a Xunta decretou, con criterio de saúde pública, que todos os centros residenciais quedaran illados case unha semana antes que o resto da sociedade. Sabemos que era para extremar as medidas de seguridade, pero iso non quita que moitos nenos non entendesen por que tiñan que estar pechados mentres os seus amigos seguían indo á escola», explica Ignacio. Dende ese momento sentiron que non querían quedar de brazos cruzados e comezaron a moverse: «O primeiro que tivemos que facer foi presentar unha serie de xustificantes: que estamos casados, que somos economicamente sostibles e que non temos antecedentes penais por abuso de menores ou delitos sexuais».
Dende decembro ata marzo foron pasando as distintas fases do proceso: presentación de documentación e visita ao futuro fogar dun neno ou nena ata que as técnicas do programa de acollemento manifestaron que eran unha familia óptima. As profesionais baseáronse en criterios de personalidade para facer o acollemento, en concreto, de Gabriel (nome ficticio), un neno que, no 2021 tiña 12 anos. No momento no que as dúas partes están de acordo comeza o proceso para facer as primeiras tomas de contacto. «Primeiro tivemos un encontro coa Cruz Vermella, o neno e mais a súa familia para expoñer como vai ser o acollemento, cales van ser os límites e comprometernos a facilitar os espazos de interacción que teñan coa súa familia biolóxica», explica Ignacio. Unha fase lenta na que Gabriel comezou visitando a súa nova casa as fins de semana ata que a Cruz Vermella chegou á conclusión de xa se podía ir vivir coa súa familia de acollida.
«O único que queriamos é que fose ben, que el se puidese sentir seguro», conta Miguel sobre o sentimento que ambos vivían minutos previos ao primeiro encontro. «É como cando coñeces a alguén que vai formar parte da túa vida, tes moitos medos», di Ignacio. Ao final, ambos coinciden en que o proceso de adaptación foi mellor do que se esperaban. Eles eran conscientes de que había unha nova persoíña que pasaba a formar parte da súa vida a todos os niveis e iso, como todos os comezos, requiría tempo. «Nós nunca comíamos pizza e agora hai que comela na casa de vez en cando. Tampouco teriamos algún refresco e agora caen nalgunha ocasión... É a parte máis superficial porque pasamos de ser unha parella a unha familia de tres», conta Ignacio.
Unha adaptación na que tiveron que ver por igual todos os integrantes da casa. «Foi moi fluído, os tres estabamos dispostos a ceder, en cuestión de meses foi unha situación do máis cómoda, el estaba na súa casa e para nós el é unha persoa máis da familia, algo moi natural», confesa Ignacio.
En toda esta viaxe por acoller, esta parella tiña unha cousa clara: «Preferimos que fose un adolescente porque críamos que son quen máis o necesitan, unha etapa na que máis falta facía, e fai, que se dean os acollementos. Parece que á xente lle asusta máis o tema de que os nenos pasen dos 8 anos, pero a realidade é que o seguen sendo igualmente, o noso era unha relación cun neno aínda que tivese 12 anos», conta Ignacio. Para eles tamén tiña importancia que non fose unha acollida demasiado temporal porque iso conlevaba, din, unha adaptación psicolóxica: «Ás veces asusta máis que un neno poida pasar só dous anos contigo que que veña con 12 e cumpra a maioría de idade contigo, en cambio, a nós relaxábanos iso».
A día de hoxe Gabriel ten 17 anos, a súa maioría de idade achégase, e é inevitable facerse a pregunta de que pasará legalmente cando cumpra os 18. Eles teno claro. «Seguramente nada, rematará o curso e haberá que buscar que fai o ano seguinte, no noso caso tampouco hai unha viabilidade para que poida volver coa súa familia, seguirá vivindo con nós ata que sexa autónomo», explica Ignacio.
Para eles, esta viaxe é dende o primeiro momento «unha das cousas polas que vale a pena estar neste mundo». Concordan en que ás veces pensamos no que pode ser converterse nunha familia de acollida e obviamos o que é para un neno irse a vivir a unha casa que non coñece con xente que acaba de coñecer. «Nós tivemos a sorte de ter sempre unha familia que nos mantiña a salvo de todo, pero para estes rapaces non é así, podemos pedirlle á Administración cartos para que os centros de menores estean mellor dotados, pero o que nunca lle imos poder pedir é afecto, seguridade e estabilidade, iso só llo podemos dar as familias», aseguran.