Arturo Penide, xerente da Pirotecnia Penide: «A xente prefire que as sesións de fogos duren menos e sexan máis concentrados»

YES

Arturo Penide Aller, xerente da Pirotecnia Penide.
Arturo Penide Aller, xerente da Pirotecnia Penide.

No verán, teñen lugar en Galicia miles de sesións de fogos de artificio. O encargado de organizar algunhas das máis icónicas, como a batalla naval de Vilagarcía, explica como funcionan

04 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Festas rexionais, verbenas, bodas, comunións... As sesións de fogos de artificio son un clásico en todo tipo de celebracións ao longo da nosa comunidade aútonoma, pero non todas son iguais. Pode variar a cantidade, o tipo e a frecuencia dos artificios según as necesidades ou tamaño do público. Dúas das máis potentes e famosas son a do inicio da festa da Peregrina en Pontevedra e o combate naval en Vilagarcía, ambas executadas por Pirotecnia Penide. O seu xerente, Arturo Penide Aller, fala sobre as preferencias da xente e como é a organización e preparación destes espectáculos.

—Que medidas tomades para non exceder os límites de ruído?

—Os artificios que utilizamos pasan unha catalogación na que determinan o ruído que fai cada un deles, marcando o nivel de decibelios a tantos metros. Só usamos produtos coas homologacións pertinentes.

—Cal é a cantidade de fogos que adoitades utilizar?

—Depende do tipo de evento, en Vilagarcía, por exemplo, que é unha das celebracións máis grandes, adoitan ser uns 700 quilogramos, pero non é sempre así. Nas sesións máis pequenas moitas veces só nos fai falta utilizar 50 ou 60 quilogramos.

—Que prefire a xente? Máis tempo de fogos ou menos tempo, pero maior cantidade de golpe?

—Agora mesmo, a xente prefire menos tempo e máis concentrado. Eu sempre marco un límite de 20 minutos nas nosas sesións, dá igual que utilicemos 70 ou 700 quilogramos de fogos.

—Que tipo de fogo é o preferido da xente?

—Pola miña experiencia son os que fan forma de palmeiras cando estoupan no ceo e, tamén, os que chamamos sauces ou camuros, que son colores así dourados moi brillantes.

—A que distancia vos colocades para o lanzamento?

—Habitualmente a uns 50 metros en dirección contraria ao vento.

—Hai algún que prohibirán nos últimos anos?

—Prohibir como tal non, pero antes botabamos uns con carcasas de 350 milímetros de diámetro, e agora existe unha norma na que, para utilizalos, ten que haber unha distancia mínima de 350 metros co público, o que é practicamente imposible na maioría das festas. Na actualidade, o calibre máximo que estamos a usar é de 250.

—Pódense tirar desde a auga?

—Nos últimos anos, a Subdelegación do Goberno non permitía disparos acuáticos, pero este ano pódense efectuar de novo.

—Canto tempo tardades en dispoñer todo para o lanzamento?

—Depende do espectáculo, por exemplo, no combate naval de Vilagarcía, lévanos aproximadamente un período estimado de entre 12 e 24 horas. Varía en función da cantidade de fogos e do lugar no que os lancemos. En celebracións máis pequenas, como a de A Estrada, tardamos menos, pero, se montamos algunha plataforma marítima para o lanzamento pola impracticabilidade do terreo, como en Vilagarcía, a montaxe é moito máis longa.

—Pode influír o clima nun lanzamento?

—Moitísimo. A nosa limitación principal é a velocidade do vento. Se esta é de máis de 36 quilómetros por hora, non lanzamos. Tamén se hai néboa ou chove, xa que, ademais de que non se van ver ben, non haberá público que os goce.

—Nos lanzamentos máis grandes, cantas persoas adoitades necesitar no equipo?

—O máis común é que sexamos unhas 14 persoas. Se no mesmo día temos outra sesión, o equipo pode ser de 12.

—Cal é o lugar perfecto para ver as sesións?

—Depende do sitio, pero a xente sempre debe poñerse en contra do vento: é indispensable. Así evitas que che veñan cinzas aos ollos.

—A que sesións de Galicia é obrigatorio acudir?

—Eu recomendo a de inicio de festa da Peregrina en Pontevedra, o combate naval, tanto o de Vilagarcía coma o da Coruña e, por último, os fogos das festas de Bouzas.