Paco Lodeiro pregunta, Galicia responde

YES

O CONCURSO DE MODA... De sábado a mércores, de 22 a 22.30 horas, o espazo de preguntas e respostas da TVG, «Atrápame se podes», é o programa máis visto en Galicia. Así é unha xornada de gravación

25 sep 2021 . Actualizado a las 23:41 h.

Todo comeza cun test de antíxenos. Aos concursantes e ao presentador. Iso é o único, no Atrápame se podes, que lembra que aínda estamos saíndo dunha pandemia. Unha vez os resultados son negativos comeza no plató unha festa que se compón de catro ingredientes básicos: sentido do humor, preguntas cargadas de idiosincrasia galega, clásicos musicais cheos de nostalxia e moitos aplausos. No programa revelación da Galega os concursantes responden preto dun cento de preguntas cada día. Sen máscaras e con ganas de levar un bote que cada semana medra mil euros. Que hai que facer para atrapalo? «Abonda con ter un chisco de sorte, porque o propio formato fomenta que non haxa que ser Einstein para gañar», apunta Jacobo Paz, un dos guionistas. E non lle falta razón. Das catro fases, a primeira é a menos competitiva, cunha sucesión rápida de preguntas a cada un dos cinco concursantes. Cada acerto suma puntos á «saca común», como lle chama Paco Lodeiro, mestre desta cerimonia do audiovisual. Antes de chegar aos cartos, os cinco concursantes retaranse entre eles e o que menos puntos teña quedará eliminado. Aos catro restantes só lles queda medirse por parellas antes de ter a opción de subir as escaleiras que levan ao bote. Lodeiro, como xa saben os fieis ao programa, resume esta parte dicindo «os que agora son amigos pasarán a ser rivais na final». E así é, o conto cambia no derradeiro acto: a iluminación abandona o tono festivo e adquire un vermello dramático. Non é para menos. De acertar as cinco últimas preguntas subiranse os cinco chanzos dunha escaleira chea de diñeiro. Agora mesmo son catro mil euros, pero o pasado 2 de setembro Ramiro Vidal, desempregado de Oleiros, meteu no peto 12.200. Iso sí, dos cinco días que concursou, perdeu unha das dúas finais que disputou. «Preguntáronme polo cantante de Guns N’ Roses e eu, todo acelerado, dixen Slash sabendo que era Axl Rose. Arrepentireime toda a vida pola vergoña do vacile que me caerá», dicía nunha entrevista en La Voz. Ao día seguinte, saber que American Idiot era un disco de Green Day permitiulle resarcirse.

Enxeño e humor

Emre Mor ou Conde Mor. Cal deles xoga no Celta? Preguntar a quen se lle atribúe a frase «tanto monta, monta tanto» e que a parella que se xogaba o pase á final respondera «Ikea» no canto dos «Reis Católicos», que era a correcta. Ou mesmo facer dubidar entre Rouco Varela e Rocco Siffredi para saber cal deles foi arzebispo de Santiago son tres mostras da carga irónica que teñen algunhas cuestións. Unha das claves que fai diferente ao Atrápame do resto dos concursos, un dos xéneros máis cultivados nas grellas televisivas. «Despois de todo un verán de concurso os espectadores xa saben que o Miño nace no Pedregal de Irimia ou que Antonio Rosón foi o primeiro presidente da Xunta preautonómica, pero ademais desas, cada pregunta é un reto creativo para nós e procuramos facelas con chiste e con analoxías divertidas», apunta Nerea Angueira, redactora.

«Unha das cousas que podo dicir é que eu son o que máis me divirto no Atrápame se podes... Admiro a capacidade que ten o equipo do programa de facer unha pregunta tras outra nunha tarefa máis propia dunha fiandeira que de guionista», sinala o presentador mentres bota unha ollada á súa tablet, onde está, ben gardado, o interrogatorio que esta mesma noite (e ata o vindeiro mércores) terán Jairo Pazos, Xoaquín Cambados, Lalo Sánchez, Fátima Nouche e Andrea Rodríguez. Esta última, guía nun museo na localidade coruñesa de Camelle, está encantada de poder vivir dende dentro unha experiencia que xa gozaba dende a casa: «O certo é que no sofá é moi fácil participar porque na tele vas vendo as opcións de resposta e Paco Lodeiro sempre que pode dálle o seu toque e é moi divertido». E cal é entón ese «toque Lodeiro»? «Tendo en conta que canta e imita, trátase de aproveitar as cualidades do noso showman, que acolleu o proxecto coa mesma ilusión que un aspirante a levar o bote», apunta o realizador do espazo, Jorge García. Porque Lodeiro fai diferente e propio un formato que noutras canles autonómicas presentan «clásicos» da televisión coma Patxi Alonso (ETB), Llum Barrera (IB3) ou Manuel Sarriá (Canal Sur). Se un concursante ten que completar unha canción de Julio Iglesias aporta a entonación que vén ao caso. E facer de Paco Vázquez, Manuel Fraga ou Papuchi é algo que aporta unha dose vitaminada a cada reto que aparece en pantalla. «Se a iso unimos que en cada programa sempre se descobre un recuncho de Galicia ou unha obra musical ou literaria do noso país tes a explicación de porque estou aquí», di o grovense Xoaquín detrás do seu atril de concursante.