«Como miña nai non hai outra»

María Mera, Roberto Vilar e Cristina Pato réndenlles unha pequena homenaxe e mándanlles ese abrazo que aínda, xa queda pouquiño, non lles podemos dar. Vai por vós, mamás!


María é a maior de tres irmáns, e a única muller. Esta condición fíxolle establecer, quizais, un vínculo máis especial coa súa nai. «Comigo ten química diferente», di a actriz María Mera sobre María José. Di dela que é moi sociable e faladora, e que é raro o día que non falen ou non intercambien algunha mensaxe, sobre todo desde que é avoa. «Adoitamos expresar máis os nosos sentimentos, entón creamos un vínculo máis especial», sinala. María Jose é unha das nais que están para todo, pero non das que din que todo está ben. «Que va, todo o contrario, o que non lle gusta dío, ponme de volta e media. Non me gusta como ías vestida ou peiteada, dime de todo», indica María.

Exerce moito de avoa, menos do que lle gustaría, porque excepto cando a actriz ten algunha rodaxe, é a que adoita encargarse das nenas a tempo completo. E aínda que o di todo, non é de expresar as súas emocións ou sentimentos, por iso xestos como o desta foto chéganlle máis dentro. «Supoño -di María- que é algo xeracional, pero non están afeitos a expresar o agarimo, a non ser tan emocionais; eu ás miñas fillas dígolles 70.000 veces ao día canto as quero, pero a eles cústalles máis exteriorizar a parte emocional, e aínda que sei que esta aí sempre, vexo xestos como o da voda que xa o din todo».

Se antes non discutían nada, desde que María se converteu en nai as discrepancias en canto á educación e alimentación das nenas fixéronlles algún pequeno rozamento. «Eu teño a miña maneira ou idea de criar e ela ten a súa, ás veces chocamos, pero é algo que lle pasa a moita xente. Por exemplo, eu opto por non darlles chuches as nenas, e ela dime: ‘Isto non fai nada, sempre se tomou‘. Estamos como en bucle. Ademáis é algo que me sorprende moito, que dá igual o que digas, que eles seguen facendo o mesmo», explica María. Non son de grandes celebracións, pero si de xuntarse toda a familia na aldea en datas sinaladas como a de mañá. «Iso si que o estou botando de menos, eu non son moi de andar por aí, son moi caseira, a miña filla maior tamén, pero con todo botamos moito de menos á familia».

LOLA, TODA UNHA «STAR»

Roberto Vilar fala con devoción da súa nai, Lola, a quen lle une tamén unha relación profesional, di de broma el, porque desde que lle propuxo por primeira vez que saíse na tele, ela vai camiño de ser unha star. «Ela fíxoo como fai calquera nai por un fillo, porque llo pedín eu, e porque ela que pasou moitas calamidades e en canto podía permitirse darnos algo aos fillos, facíao e a todo dicía si». Roberto lembra, por exemplo, cando lle pediu que lle mercase unha camiseta dun xogador de baloncesto do que era superfán, Wayne Robinson que estaba no Real Madrid. «Como non tiña con que, entón comproume unha de tiras, das normais, e coseulle un 4 nas costas, que era o número del, era o xeito de poder darme o que eu soñaba». A cualidade que destaca de Lola da Moucha, que é como a coñece todo o mundo na súa aldea, é que «todos os días da súa vida estivo ao cen por cen. Os fillos non. Pero ela, como moitas nais, non concibe a vida se non é así, elas están sendo sempre o mellor que poden ser cada día, e ademais dun xeito natural». «Lola tivo que criar os tres fillos soa -engade Roberto- porque meu pai estivo no Gran Sol toda a vida, de feito a min coñeceume con cinco meses, el estaba no mar, viña a terra dous días e volvía marchar, así que eu teño a imaxe de ver a miña nai cando había temporal mirando sempre para o mar». «Mira ti que tiña que ver o temporal da Mariña co da costa de Irlanda!, pero ela sentíao así». Lola, que agora vive feliz co seu home na aldea, atendeu a todos os nenos soa cando era nova, «a tres fillos, a seus pais que estaban na casa, a unha tía súa que a pobre tiña alzhéimer e a catro vacas». Aquela frase de ‘é a primeira vez que sento en todo o día’ ela dicíaa cada noite», relata o humorista que asegura que agora Lola é unha avoa entregada a malcriar as netas. «É das de chocolate e cartos», ri Roberto, que é o maior dos tres irmáns, e agora que é pai da súa María, que cumpriu 9 anos, pensa nas que lle tivo que facer pasar a súa nai. «Sempre conta que cando eu tiña dez meses deixoume no berce mentres ía buscar herba, e ao volver non me atopou e comezou a berrar: «‘Roubáronme o fillo!’, entón saíu un veciño e díxolle: ‘Roubar non creo, traeríanche outro que non os quere ninguén’. Estivo 20 minutos buscándome, e resulta que eu empezara a gatear e andaba por un prado da casa».

Roberto di que tanto seu pai coma súa nai disfrutan moito co seu éxito, «sobre todo por esa cousa que tiñamos a xente da aldea de pensar que non nos tocaba a nós, que era imposible. A nós criáronnos así, coa idea de que hai determinadas cousas que non nos corresponderían nunca, entón imaxínate o que foi para ela coñecer a Julio Iglesias -relata Roberto-, foi un soño cumprido, unha cousa estratosférica para ela, que xamais podería ter imaxinado que o artista que tanto lle gustaba, que tanto escoitaba, ese mesmo que vía na tele podía estar sentada ao seu carón, e facerlle unha tortilla!».

Neste confinamento, o humorista fala moito por teléfono coa súa nai, que ao estar na aldea di que non lle cambiou tanto a vida. Esa muller que sempre dá o cen por cen, é agora máis aberta para amosar os sentimentos. «Eu non lle digo o suficiente todo o que a quero. Pero ela hai pouco cando falamos expresouno así: fillo, xa sabes que te quero moito». Roberto sabe a sorte que ten.

UNHA CONEXIÓN ESPECIAL

Cristina Pato e a súa nai, Maruxa Lorenzo, sempre tiveron unha conexión especial. Nótase pola forma na que sefalan, en todas as anécdotas que atesouran xuntas ou simplemente en como se miran. A artista ourensá é a pequena de catro irmás -antes que ela chegaron Teté, Yoli e Raquel-- e o certo é que todas idolatran a Maruxa. «É o amor da miña vida. Unha muller viúva, cunha demencia frontotemporal dende hai oito anos, que foi capaz de sacar adiante á súa familia coa axuda do meu pai. Ela forma parte desa xeración de posguerra que fixo todo con nada e non me cansarei nunca de valoralo e de agradecerllo», di Cristina.

Cóntao desde unha casiña, nalgún punto do rural ourensán, onde pasa o confinamento xunto ao seu home, o fotógrafo Xan Padrón, e a súa nai. «Toda esta situación pilloume aquí, de vacacións, e síntome moi afortunada de que fose así. É a primeira vez en moitos anos que estou onde quero estar e cando teño que estar», confesa. A artista marchou de casa con 17 anos para estudar na Coruña, despois viría Barcelona e agora Nova York, pero afirma que nunca lle faltaron dúas chamadas ao día para falar con Maruxa. «Ela sempre estivo aí, ao outro lado da liña, tivese ou non resposta para o que me acontecía, escoitábame incansable. Eu teño a sorte de ter unha nai que sempre deu e nunca pediu nada a cambio». Destaca a sabiduría da súa madre. «É moi difícil de explicar porque está relacionada coa experiencia vital e coa súa capacidade de observar. Iso foi o que máis me uniu a ela dende nena e no que máis nos asemellamos».

Cristina e Maruxa comparten moito unha da outra. Non faltan entre os seus plans -sen confinamento- os longos paseos e agora disfrutan de charlas infinitas e ata se animaron a coser mascarillas para a familia. Este domingo será un Día da Nai diferente e á vez especial. «Faremos unha vídeochamada coas miñas irmás e supoño que algunha forma de celebrar máis se nos ocorrerá», remata sorrinte a gaiteira ourensá.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«Como miña nai non hai outra»