
Non descartan mudar o museo a unha cidade para que siga crecendo
04 feb 2025 . Actualizado a las 00:17 h.«O cerebro tende a repetir as condutas que considera boas para a súa supervivencia. Pasa coa comida, co sexo... e tamén cos videoxogos. Percibe que abre a mente, que a expande, que proporciona retos e recompensas». Rodeados das consolas, ordenadores e máquinas míticas, testemuñas da evolución da informática e dos videoxogos, Galo e Jacobo Martínez gozan debatendo sobre as bondades ou riscos de colocarse diante dunha pantalla, de retarse a un mesmo para superar fases, vivir historias, disparar como se non houbese un mañá ou conectar na mesma aventura cun descoñecido doutra parte do mundo. Os dous irmáns, un médico e o outro enxeñeiro informático, pensaron que o videoxogo precisaba dun lugar de debate, dun sitio onde coñecelo de verdade, renderlle culto e contribuír a que non se perdan e recuperar dispositivos e títulos que son parte da historia dos últimos setenta anos.
Así naceu en Cangas no 2019 o primeiro Museo do Videoxogo de España, o MUVI, un santuario interactivo de 300 metros cadrados. «Aquí pódese xogar con todo», din os irmáns sobre unha iniciativa que acaba de integrarse na rede de Museos de Galicia. Máis de medio cento de dispositivos están agardando polos que —ademais da visita gratuíta a todas as dependencias—, queren facer unha viaxe no tempo dándolle ás máquinas dun auténtico salón Arcade, vivir en carne propia as diversas eras dos xogos de pantalla e revivir o pasado.
«O videoxogo aínda está en roupa interior», advirte Galo, adiantando que o que está por chegar motiva aínda máis a conservar os seus orixes. Teñen ata taller para repetir os pasos que deron luz aos primeiros xogos ou reparar todo o material doado polos que pasan a ser automática e solemnemente amigos do MUVI, como o rapaz de Moaña que acaba de doar o primeiro dispositivo portátil da historia. «Aquí recupéranse e trátanse, e unha das cousas das que estamos máis orgullos na fundación é contar cuns técnicos espectaculares, enxeñeiros industriais, de telecomunicacións, expertos en electricidade... son cruciais para que todo funcione e investigar nas súas orixes», enxálzaos Jacobo. «Este museo ten o reto do desafío interactivo, que todo funcione, por moi vello que sexa, por iso precisamos formar tan bo equipo».
Os sábados polas tardes abren o tesouro ao mundo, e durante a semana a colexios e ás ANPA. Todo sen ánimo de lucro, pola causa do videoxogo, polo patrimonio de todos, agora tamén xa oficialmente patrimonio de Galicia.
«Gustaríanos ir máis rápido, hai moita paixón e intensidade neste proxecto e en toda a xente que o apoia. Hai un inmenso capital cultural e científico no videoxogo», subliñan.

Os dous chegaron dende Arzúa a Cangas seguindo os latexos do corazón, «e no Morrazo atopamos o contexto posible para facer realidade a idea do museo». O local é propio, pero comeza a evidenciar que o MUVI podería ser máis grande. «Non descartamos mudarnos a unha cidade», din deixando entrever que teñen moitas cousas na cabeza para desenvolver. «Hai moito detrás: unha historia, deseño, música, narrativa, dirección, tecnoloxía...», chaman a atención para afianzar a idea de que o xogo e moito máis que un pasatempo; «é cultura, sen matices», afirman.
«Temos un número de visitas moi superior ao agardado. Vén xente de fora de Galicia a propósito, seguindo os seus recordos, unha paixón, porque o videoxogo é paixón», garanten os irmáns Martínez.
A eles atraeulles a luz das pantallas de rapaces, aínda que xa con certa idade. A rúa, o cinema e a literatura estaban primeiro. Chegaron a elas dende as matemáticas, as que ensinaba no colexio da parroquia de Visantoña o profesor Manolo Castro. «Tiña un microordenador co que comezara a programar, para facer ecuacións. Levouno á escola, e ¡imaxínate iso para un rapaz de aldea! Sempre gardaba un anaco para que xogáramos, e iso foi o noso inicio», recorda Galo. «Dende aquela tiven claro que o quería facer era ser informático. Un montón de elementos abstractos deixaban de selo e convertíanse nun xogo. Iso é o que queremos emular no museo, que se entenda o que hai detrás dun videoxogo», engade Jacobo.
«A metade da poboación do mundo xoga a videoxogos, e aos que din que non, habería que verlles o historial do móbil», retan para tratar de facer ver a potencia da industria e o seu alcance. Gústalles debater sobre os mitos que admiten rodea aos videoxogos: a violencia, a soidade, a ausencia de interacción social. «Hai multitude de estudos que confirman que non xeran por si mesmos condutas violentas, outra cousa é que un rapaz xogue con videoxogos non indicados para a súa idade. Pero é o contexto familiar e social o que o leva a esas situación. O videoxogo é un lugar ao que é fácil recorrer cando hai outros problemas psicolóxicos, psiquiátricos, familiares... Se pasas catro, cinco, oito horas diante de algo, estará mal, non é san, sexa o que sexa. É iso o queremos debater con que sexa», reiteran os creadores do Museo do Videoxogo, faladores por natureza, e máis se é sobre o mundo recreado no seu museo.
«Empúrrate a ti mesmo a facer de todo», claman como consello para todo o mundo en xeral, pero non deixan de reivindicar unha e mil veces que detrás dos bos videoxogos hai auténticos creadores, xente que trata transmitir sentimentos e impresións como un director de cine, un escritor ou un artista.