A vida de María Solinha estréase na gran pantalla de Redondela e Cangas

CANGAS

C

Tras estes primeiros pases, a película de Ignacio Vilar sobre a viúva acusada de meiga e símbolo da loita contra a represión das mulleres, percorrerá outros cen concellos

12 jun 2020 . Actualizado a las 20:11 h.

A esperada película de Ignacio Vilar María Solinha, percorrerá máis dun cento de concellos galegos entre os meses de xuño e outubro deste ano e transgredirá as fronteiras autonómicas con representacións en Castela e León e Portugal. Así se puxo de manifesto na presentación que tivo lugar este venres no Auditorio de Cangas, vila que, xunto a Redondela, acollerá a estrea da longametraxe sobre a viúva acusada de meiga e símbolo da loita contra a represión das mulleres.

«Esta historia emociónanos a todas porque é a nosa historia, é a historia das mulleres» manifestou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que asistiu á presentación, na que tamén estiveron o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o director de AGADIC, Jacobo Sutil, amais de todo o elenco da película co director, Ignacio Vilar, o responsable da exhibición, Xoán Mariño, e as actrices e actores Laura Míguez, Grial Montes, Antonio Durán Morris, Santi Prego e Mabel Rivera.

A primeira proxección do filme será o vindeiro venres 19 de xuño no concello de Redondela, mentres que o 20 de xuño María Solinha chegará a Cangas. Ambas estreas serán ó aire libre. «A presentación vai percorrer o territorio levando o cinema e a cultura a todos os lugares. Imos levar o cinema a toda a xente. Hai algo máis democrático?» preguntou a presidenta da Deputación sobre o modelo de distribución que se escolleu. Segundo Xoán Mariño, o xeito no que se moverá a película representa «un feito histórico porque non hai moitas pelis que estreen primeiro no rural e logo nos cines. Ademais, debe ser a primeira vez que se estree unha película nun autocine». Deste xeito, entre os meses de xuño e outubro deste ano haberá estreas en numerosos concellos de toda Galicia. En todos os casos se seguirán as recomendacións e directrices derivadas da situación de crise sanitaria provocada polo COVID-19, polo que a longametraxe será proxectada nas mellores condicións técnicas para garantir todas as medidas de seguridade, aforo e hixienización.

A dinamización da economía dos concellos tamén se atopa fortemente ligada con esta película. Tanto Xoán Mariño como Digna Rivas e Xosé Manuel Pazos denotaron na presentación a importancia que ten a cultura como sector estratéxico. Xosé Manuel Pazos, ademais, explicou que «a rodaxe desta película xerou riqueza en toda a zona». «A xente da cultura é capaz de reinventarse», apuntou Carmela Silva sobre a capacidade de adaptación do proxecto á nova realidade. Apoiar o cinema que utiliza como lingua vehicular o galego e visibilizar ás mulleres da provincia, á vez que se dan a coñecer os territorios e o patrimonio da provincia son os obxectivos que a Deputación de Pontevedra persegue coa súa colaboración na financiación desta película.

Durante a presentación, a presidenta tamén quixo poñer en valor o cartel da película por ser quen de apreixar o espírito da obra e a loita contra o dragón, a metáfora do sistema machista e patriarcal: «Amosa unha terra, a provincia de Pontevedra, a mellor que hai. Amosa un océano Atlántico no que ocorreron tantas cousas e que nos situou no centro do mundo hai 2.000 anos. Amosa dúas mulleres cómplices, irmás e empoderadas que miran cara o mar enriba dunha rocha e que se miran entre si buscando esa relación para acabar co dragón». Así, a longametraxe é unha crónica da imparable enerxía feminina a través da figura de María Solinha, unha viúva de Cangas que sufriu no século XVII en primeira persoa a represión feminina ó ser denunciada por bruxería. O dragón é o eixo que vertebra a obra para trazar a relación entre a sociedade inquisidora na que morreu María e a sociedade actual, baixo as gadoupas da besta.

Dirixida por Ignacio Vilar e producida por Vigopolis e Vía Láctea Films, a película conta cun reparto cen por cento galego e composto por ata 30 profesionais da interpretación, entre os que se atopa Grial Montes, actriz que protagonizará xunto a Laura Míguez a longametraxe e que quixo denunciar o tratamento da muller na sociedade actual: «Xa vai sendo hora de que nos tomen en serio. Non somos complementos, somos persoas». Ignacio Vilar, pola súa banda, puxo o foco sobre María Solinha, explicando o enorme descoñecemento que existe con respecto á canguesa. «Penso que é importante recuperar unha figura como a de María Solinha e o cine danos esa oportunidade para dar a coñecela ante o mundo», defendeu.