O investigador Xurxo Martínez explica como unha urbe que daquela non tiña tradición editorial publicou unha das obras magnas do galego
20 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Vigo é hoxe a principal cidade editorial de Galicia. A sede das dúas empresas de maior tamaño do sector do libro en galego (Xerais e Galaxia) está nunha urbe que se converteu en referencia do sector en pouco máis dun século. Na primeira metade do século XIX, Vigo non contaba con tradición letrada e de imprenta en Galicia; as obras literarias vían a luz en Santiago, A Coruña ou Ourense, pero non na cidade na que, o 17 de maio de 1863, se publicou unha das obras mestras da literatura en galego: Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.
«Para entender por que a escritora publica en Vigo o seu poemario temos que explicar a figura dos irmáns Chao», explica Xurxo Martínez, o escritor e investigador que ofrece este sábado unha ruta guiada pola pegada de Rosalía de Castro na cidade. Eduardo Chao, «unha figura excepcional, pouco valorada e pouco entendida na historia de Vigo», indica Martínez, era un bo amigo da escritora e de Manuel Murguía, o home de Rosalía, e, ademais, cuñado de Juan Compañel, o responsable de publicar Cantares Gallegos. «Eduardo Chao era un home ilustrado, con moita relevancia en Vigo, que, por exemplo, impulsou o que é hoxe a Escola Municipal de Artes e Oficios e é responsable da chegada do ferrocarril a cidade», explica Xurxo Martínez, que lembra que Eduardo era respectado polo mundo cultural e que, probablemente, animou a Rosalía a publicar a súa obra.
Esta relación cos irmáns Chao pode seguirse estudando a biografía de Rosalía e vai máis alá de Cantares Gallegos. «A primeira filla do matrimonio chamouse Alejandra, na honra de Alejandro Chao, o irmán de Eduardo», continúa Martínez, que explica que el tamén é responsable da edición de Follas Novas en La Habana no 1880.
Na ruta do sábado, o investigador tamén explicará que Rosalía de Castro e Murguía viviron en Vigo no 1859. Juan Compañel foi a Madrid para negociar e tratar de evitar a censura do seu xornal e deixou a Murguía a cargo da súa dirección. Viviron na casa de rúa Real, onde estaba a imprenta que 14 anos despois publicaría Cantares Gallegos, convertendo o proxecto de Compañel e a Vigo como o centro editor e literario en galego que segue sendo hoxe.
No paseo guiado do sábado, o investigador levará as persoas participantes ao Vigo popular, aquel que vivían as xentes populares galegas sobre as que escribía Rosalía de Castro en Cantares Gallegos. «Visitaremos a praza do Peñasco para coñecer aquel Vigo tradicional e logo subiremos polo Casco Vello para coñecer a cidade neoclásica, a que mostra aquela cidade que comezaba a crecer no S.XIX. A ruta rematará no museo Marco cunha visita a exposición Un país ilustrado. As cubertas de Galaxia.