Natalia Jorge, historiadora: «As mulleres do trapiche eran inversoras e grandes negociantas»

Pedro Rodríguez
pedro rodríguez TOMIÑO / LA VOZ

VIGO

Oscar Vázquez

O libro co que gañou o premio Xohana Torres pon en valor o seu legado

11 ene 2026 . Actualizado a las 20:28 h.

«A ponte internacional de Tui ten cara de muller», di a historiadora Natalia Jorge Pereira (Tomiño, 1982). Lembra aqueles días nos que pasaba coa súa avoa por el. Ela regaláballe moitas historias de trapiche, de como pasaba mercancías entre un lado e outro da raia. Daquela pensaba que moitas desas vivencias non podían ter sido así, que terían algo de imaxinación, pero anos máis tarde, xa como profesional, atopou en varios documentos das autoridades aduaneiras de ambos lados do Miño algún deses episodios. «Foi moi emocionante saber que o que me contara fora así», explica. A súa avoa e a súa bisavoa están nas primeiras páxinas do seu libro: Un formigueiro de mulleres: as trapicheiras do Miño, editado polo Concello de Santiago, que xa anunciou o lanzamento da súa segunda edición.

«Quería poñer en valor o legado e a importancia destas mulleres», indica Natalia, que gañou o premio Xohana Torres de Ensaio con este traballo no 2024. O relato está construído con moito traballo de arquivo, pero, sobre todo, bebe directamente das historias e obxectos que estas mulleres, tamén algún home, foron compartindo con Natalia en longas xornadas compartidas. A memoria colectiva da raia e do Baixo Miño está moi marcada polo trapiche, «unha actividade económica que foi de moitísima relevancia», engade.

Para entender a importancia e a escala desta actividade, a historiadora pon como exemplo a grandísima importancia que tivo o río Miño durante a Guerra Civil e a década dos anos 40, marcada pola autarquía da ditadura franquista. «Había mulleres que controlaban unha gran estrutura. Tiñan locais en Vigo onde viñan buscar produtos xente de toda España», explica. Lembra que pola raia pasaba todo o que non había no país. «A industria conseguía todas as pezas que non atopaban en España por aquí». Estas mulleres tiñan os contactos e a loxística para conseguir todo nun momento no que mandaban Franco e Salazar. Natalia Jorge tamén lembra que durante a II Guerra Mundial (primeira metade dos anos 40) na raia tamén operaban moitos espías, xa que Galicia era estratéxica pola abundancia de volframio.

As mulleres do trapiche tamén eran moi importantes para a vida da xente común da zona. Elas eran o nexo entre familias de ambos lados da fronteira movendo a correspondencia, traendo produtos que non se atopaban e, ademais, as súas accións tamén salvaban vidas. Natalia Jorge lembra unha anécdota que lle contou unha veciña de Tomiño. «Cando era nena estaba moi enferma e a súa nai tivo que ir buscar a unha destas mulleres para que a axudara. Conseguiron penicilina polo trapiche e curou», conta. Elas movían de todo e tamén se especializaban en mercancías específicas. «Estaban as que movían os cartos, que se chamaba bolsa negra, e outras que tamén comerciaban con ouro e ata con diamantes», describe a historiadora.

Oscar Vázquez

Eliminar o estigma

«Estas mulleres foron atacadas e perseguidas polas ditaduras de España e Portugal. Eran incontrolables, rebeldes e independentes e iso non gustaba», explica Natalia Jorge. En ambos lados da raia houbo unha campaña para desprestixialas con prexuízos e ataques constantes. «Este libro tamén quere rachar con ese estigma, poñer en valor a súa historia e dar voz a mulleres que son unhas narradoras marabillosas», continúa a historiadora, que indica que o título do libro tamén fai referencia a toda esa chea de mulleres (un formigueiro) que operaban sen tolerar opresións.

Natalia tamén insiste en que o trapiche era unha actividade económica máis e que aportaba moitos cartos á comarca. Lembra que unha boa parte dos abrigos de visón que se vían colgados no Paseo da Corredoira de Tui estaban pagados con cartos destes negocios. Ademais, o libro tamén conta moitas anécdotas dos intentos dunhas autoridades que non sabían como acabar con elas nin polo lado portugués nin polo galego. «Unha vez decidiron restrinxir o paso pola fronteira a dous días a semana para limitar a súa actividade. Elas adaptáronse. Esas xornadas levaban a toda a familia cargada para poder pasar todos os produtos», conta. Parte de ese material pasaba da forma legal e outra boa cantidade saltaba a fronteira grazas «a súa gran capacidade para negociar e convencer», continúa.

O negocio do trapiche tamén foi un oficio que se mantivo na raia durante séculos. Foi un negocio que sobreviviu ata que se romperon as fronteiras. «Hai que lembrar que a ponte internacional de Tui pechaba polas noites ata non tanto», explica. Elas eran un enlace e, algunhas veces, tamén casaban con homes do outro lado da fronteira. Era unha maneira de seguir establecendo contactos, que xunto a súa habilidade para negociar, eran imprescindibles para poder andar ao trapiche.

O venres, Natalia volveu camiñar pola ponte internacional de Tui. No ceo había un arco da vella que cruzaba de beira e beira e nas súas mans un libro que comezou a escribirse na lingua da súa avoa. A súa segunda edición pronto estará dispoñible nas librarías galegas.