Aos seus 75 anos, Galaxia mira cara adiante

Jorge Lamas Dono
J. Lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

XOÁN CARLOS GIL

A editorial galega conclúe cunha exposición as celebración da súa fundación en 1950

15 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 10 de xaneiro, a sala de exposicións da Sede Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 24-26) acolle a exposición Crear porvir. 75 aniversario Editorial Galaxia (1950-2025). Esta mostra percorre a historia da editorial, desde a súa fundación en 1950 ata a actualidade, salientando o seu papel clave na evolución cultural da Galicia contemporánea e a súa proxección exterior. Neste proxecto destácase o labor de autoras e autores, como Castelao, Eduardo Blanco Amor ou Yolanda Castaño; editores, como Carlos Casares e Víctor F. Freixanes; e fundadores da editorial, como Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Francisco Fernández del Riego; ademais de títulos que axudaron a conformar o panorama literario de Galicia, configurando unha visión global da edición galega durante o franquismo e a democracia.

A mostra articúlase en catro bloques temáticos que convidan a percorrer a literatura e os seus autores e autoras, desde o Rexurdimento ata a xeración do novo milenio; o ensaio e o pensamento galegos, con estudos sobre a lingua, a historia, a sociedade e a ecoloxía, así como proxectos de referencia como a revista Grial; a tradución e a proxección internacional, co galego como lingua de recepción e creación universal; e a literatura infantil e xuvenil, onde Galaxia foi pioneira con coleccións e espazos dirixidos ao público máis novo. A exposición conta tamén cun espazo para público infantil que convida a ler e gozar da edición para as idades máis novas.

Compleméntase o percorrido cunha peza audiovisual, dirixida por Ana Viqueira e Diego Frey, que recolle testemuños de personalidades vinculadas a Editorial Galaxia sobre a súa produción literaria e historia: desde a participación do polígrafo Xesús Alonso Montero, até a escritora Antía Yáñez, a catedrática Dolores Vilavedra, a académica María López Sández, o historiador Ramón Villares, o político Xosé Manuel Beiras ou a experta en edición poética Tamara Andrés.

Ao longo destes 75 anos de percorrido cultural, Galaxia publicou preto de 3.500 títulos, con obras de máis de 1.500 autoras e autores, consolidándose como proxecto esencial para a edición en lingua galega, nunha aposta firme pola dignidade e a normalización da nosa lingua e cultura.