Keka Losada: «En Cans podes estar vendo unha curta e oír aos porcos roncando por detrás»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

A productora soña con Álex de la Iglesia no cartel deste evento que xa traspasa fronteiras. «Mándannos fotos de pegatinas da mascota en coches por toda España e no extranxeiro»

13 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un mantel de ule foi un antes e un despois no festival de Cans. «Gardabamos as pantallas para proxectar dun ano para outro. Estas estruturas de madeira, que facía un veciño cunha tela branca, acumulaban moho, gardadas nun jalpón tanto tempo, e había que tirar as telas. Ata que un iluminado dixo: E por que non probamos con ule? Agora pasamos un pano e listo». Keka Losada (O Porriño, 1985) presume da autenticidade dun dos eventos máis xenuinos do mapa galego, que se organiza dende a Asociación cultural Arela, da que é presidenta. Xunto co director e impulsor do festival, Alfonso Pato, Losada é a encargada da produción dende o terceiro ano do festival. E xa van vinte edicións.

O martes arranca o programa que, este ano, homenaxeará a Luis Zahera. Fernando León, Isabel Coixet ou José Luis Cuerda son algúns dos artistas da sétima arte que deixaron a súa pegada no Torreiro de Cans. As estrelas da fama compiten con outras pegadas, as do can silueteado que é protagonista dun festival que se celebra en jalpóns e en chimpíns. «Teño o canciño tatuado nun brazo. Son como unha filla do festival. Aprendín moitísimo organizando este evento, abriume moitas portas e son unha afortunada. Somos como unha familia». De feito foron as curmáns de Losada quen a animaron a formar parte da organización da terceira edición. «Tiña 18 anos e non sabía nin o que era unha curta», confesa. Gustoulle tanto que se converteu no seu oficio. Hoxe, Keka Losada traballa en produción de festivais como O Marisquiño, en Vigo, ou o Sinsal, na Illa de San Simón.

Cans é costumismo galego. Cada jalpón é un mundo. O habitual é que as butacas nas proxeccións sexan taboleiros de madeira sobre caixas de cervexa, «agora xa poñemos uns colchóns nas táboas». Os chourizos colgados do teito destas construcións agrícolas forman parte do encanto, ao que tamén contribúe unha acústica moi particular. «O baixo de Moncho chegou a ter os porcos e as galiñas alí ao lado. Estabas vendo unha curta e escoitabas os porcos roncando por detrás. E pouco se fala do cheiro en Cans... Hai quen prefire os jalpóns máis preparados, pero o máis enxebre ten o seu encanto».

E precisamente esa esencia é o que valoran actores e directores convidados. «Pregúntanche que é un chimpín, entran na casa de non sei quen a toman licor café, escoitan as historias dos veciños e vanse encantados. Dannos a noraboa». Nunca ninguén dixo que non á invitación de Cans, só por incompatibilidade coa axenda. «Se vén un famoso, é un máis entre nós. Levamos anos tras Álex de la Iglesia, pero ás veces polas datas é complicado».

Dende o martes e ata o sábado, o can de Cans lucirá nas casas onde se están acondicionando os espazos. «O noso logo é moi riquiño. Gusta moito e a xente se sente orgullosa de levalo. Mándannos fotos de coches que levan a pegatina de Cans en outras cidades por España e tamén no estranxeiro, en Alemaña, Francia, Inglaterra... É moi noso». Estes días son de moita actividade para toda a organización, na que tamén se implican veciños e familiares. «Nós non podemos entrar nos jalpóns os meses de antes, porque os veciños os precisan para eles. Así que estes días andamos co chimpín para arriba, chimpín para abaixo... Coas caixas nas que montamos os taboleiros, as pantallas... E se nos din que lle fai falta o jalpón porque lle traen un tractor de leña, temos que adaptarnos». Os veciños, a maioría de máis de oitenta anos, son tamén protagonistas dun evento que lles leva unha realidade paralela que acollen cos brazos abertos. «Cando Pato foi falar con eles o primeiro ano, non entendían nada. Logo viñan eles ofrecendo un baixo, un jalpón... Podemos ter moitos patrocinadores, pero sen os veciños non habería festival de Cans».

Esta parroquia de catrocentos habitantes tamén esmorece demograficamente, ao igual que o resto de Galicia. «Nestes últimos anos tivemos perdas importantes, nos fai pensar que vai pasar no futuro. A xente vai morrendo, e os fillos xa non viven aquí... Pero imos ano a ano». Este, a organización homenaxeará a Mari da Carreira, unha das imprescindibles, que fai o licor café e abre a súa casa. O seu home é chimpineiro e fillos e irmáns tamén traballan no evento. «Para min a entrega dos premios aos veciños é o máis especial do festival».

Losada fai estes días unha paréntese na organización doutros eventos como o festival O Marisquiño, o festival Wos en Santiago, o Sinsal en San Simón ou o festival Posidonia en Formentera. «Síntome superafortunada co meu traballo. Son eventos incribles». O teléfono desta produtora non para de soar. «Facer un festival o primeiro ano é difícil, pero o segundo e o terceiro moito máis. Facer que o público repita é complicado». Ela sabe como facelo.

A súa canción favorita

«Ruído», de Fuel Fandango. «Escollín esta porque é unha canción que me dá moita enerxía. Gústame moito esta banda. É un grupazo e gustaríame que viñera actuar ao Festival de Cans un ano, a ver si algunha vez o conseguimos. Ela ten unha voz incrible. Ademais, síntome identificada coa letra da canción».