Amelia Pérez: «Hai que ser pelexona e persistente»

Bibiana Villaverde
bibiana villaverde VIGO / LA VOZ

VIGO

Oscar Vázquez

A nova responsable de CC.OO. en Galicia afiliouse cando traballaba en Zara, en Vigo. Defende negociar con «sensibilidade social» e desvela que «nos últimos anos se están afiliando máis mulleres que homes»

29 may 2021 . Actualizado a las 21:51 h.

«Teño un mix. Teño da miña nai que tiña moito carácter, pero tamén do meu pai, que era conciliador e con man esquerda», así se define Amelia Pérez (Moaña, 1970), a primeira muller en ascender ao cargo de responsable dun sindicato en Galicia. Filla dunha ama de casa e dun traballador do metal reconvertido a pintor, Amelia -á que todos en CC.OO. coñecen como Meli- avanza con firmeza e coidándose de non acomodarse. «Cando din o paso para a secretaría xeral tiña claro que non ía deixar o comité de empresa de Zara na provincia de Pontevedra porque era a miña anclaxe á realidade. Para seguir conectada coas compañeiras, coa empresa e pisar chan. Ás veces, cando estás arriba, falas de cuestións que non son as do centro de traballo, isto che pode facer perder o foco». Toda unha declaración de intencións para a muller que comezou traballando en Inditex, no centro comercial Camelias de Vigo e que, tres anos despois, acabou creando o primeiro comité de empresa do xigante téxtil na provincia, un dos primeiros en España.

Precisamente a felicitación das compañeiras de tenda foi a que máis ilusión lle fixo tras ser escollida o 21 de maio como secretaria xeral de Comisións en Galicia. O seu é un sector feminizado que Pérez terá que representar pero tamén lle toca a crise do naval, a da transición enerxética, a situación do sector da dependencia ou mesmo a crise do sistema sanitario, entre outros. «En CC.OO. estamos preocupados polo que se aveciña. O peor da crise está por vir. Cando se quiten os Erte vai haber empresas que non sobrevivan». Pérez se autoimpón, tamén entre as prioridades, revisar a situación de sectores que se consideraron esenciais durante a pandemia: «Supermercados, axuda no fogar, dependencia... Hai que darlle unha volta a eses convenios altamente feminizados. A maioría son mulleres traballadoras en situacións complicadas e o sindicato temos que dar aínda máis o do de peito nestas situacións».

Negociar con sensibilidade

Algúns en CC.OO. recordan cando Amelia Pérez entrou pola sede do sindicato en Vigo. Testemuñas de aquela situación aseguran que houbo quen, nese momento, xa detectou na incipiente sindicalista virtudes para a loita obreira. «Sempre tiven moita sensibilidade social, compromiso e militancia. Dende o principio da miña vida laboral afilieime porque entendía que os traballadores temos que defender os nosos intereses». Foron referencias persoais as que levaron a Pérez a sumarse ás filas das Comisións, tamén a certeza de que «non son nacionalista, aínda que si defendo a cultura e a lingua propias». Hoxe, as mulleres no sindicato están aumentando. «Nos últimos anos se están afiliando mais mulleres que homes ao sindicato, tanto en Galicia como en Vigo. E é xente moza».

Á hora de acadar acordos, Amelia Pérez tira de diplomacia, man esquerda, empatía e «escoitar moito». Como se leva a cabo unha negociación ten moito que ver co resultado final. Non hai unha receita, pero si un xeito de facer, alo menos no seu caso. «Hai que ser pelexona e persistente. Ás veces, por ser moi pelexona non consegues o obxectivo pero si por ser persistente, ou ao revés», confesa. «Me din moito iso de que son así por ser do Morrazo. O feito de ter sensibilidade social faime ter garra para pelexar porque as inxustizas non me gustan. Como dicía Galeano, xente pequena, en sitios pequenos, facendo cousas pequenas pode cambiar o mundo. Eu estou neso». Si realmente hai unha xustiza social que marca o que está ben ou mal, máis aló do que dictan as leis, aí se ubica Amelia Pérez. «Non vale quedarse no sofá despotricando, hai que facer algo máis. Por iso me afiliei, por esa conciencia social e esa sensibilidade», confesa.

A nova vida en Santiago

A central do sindicato está en Santiago, a onde Amelia Pérez se despraza nesta nova etapa dende Moaña, nesta localidade do Morrazo naceu e reside coa súa familia. Á axenda de nai dun neno de sete anos suma agora as obrigas propias do seu cargo. «Se te organizas, podes planificarte. Eu me quedei embarazada no primeiro ano de mandato e puiden conciliar. Pero é certo que, á hora de planificación, as mulleres temos outra mentalidade». Ao que se suman as atencións ao seu pai, ingresado na residencia Domusvi de Cangas. Pérez sufriu, en carne propia, os efectos da pandemia nese centro, onde a covid golpeou moi forte. Os coletazos da traxedia sanitaria van marcar inevitablemente a súa folla de ruta na que están a redución dos modelos de contratación e a defensa dos traballadores. «Os poderosos seguen tomando decisións para eles, como o que está pasando cos bancos que aproban incrementos salariais para os directivos e despiden aos traballadores. Sabemos que o mundo non é perfecto, hai luces e sombras, pero unhas das patas que teñen que funcionar son a igualdade e a xustiza social».

A súa canción favorita

«Revolución», de Amaral. «Dicía Pepe Mújica que había que ter ilusión tódolos días para pelexar por aquilo no que cres. Esta canción resume o espíritu fundacional das CC.OO. A miña revolución sería que eses intereses de clase que estamos defendendo nestes intres se puideran acadar».