«Os máis piratas son os mariñeiros»

Covadonga Durán recolle ameixa dende hai trinta anos na ría de Vigo. Ten 61 e non pensa retirarse ata os 71


vigo / la voz

Covadonga Durán Calvo non ten problema en recoñecer que cando comezou a mariscar, alá pola década de 1980, o fixo raiando a ilegalidade. «Empecei furtiva totalmente, sendo os nenos pequeniños. Queriamos arranxar papeis, pero daquela estaba moi complicado conseguir licenzas. Andamos un par de anos así ata que conseguimos ter todo como tiña que estar. Ben, furtivos nós e moitos outros, porque daquela era así», afirma a moañesa de 61 anos, patroa de pesca e mariscadora a flote.

Agora Covadonga é toda unha veterana, pero botouse ao mar sen saber máis nada ca que quería traballar: «Adiante, atrás, dereita e esquerda... A linguaxe dos barcos soábame a chinés, nada dos nomes raros que usan». Pero coincidiu que o seu sogro ofreceulle unha chalana vella por se a querían usar. «O meu exmarido estaba preparando oposicións e eu, na casa cos nosos fillos e meus pais, e dixemos: “Pois veña. A ver como é isto”. E aquí seguimos», resume.

A mariscadora moañesa sempre se dedicou á ameixa: «Andamos á ameixa a flote, pero antes íanse tres meses nada máis, de outubro a decembro, ata pasados Reis, e logo pechábase a veda». Como recorda, o resto do ano cada mariñeiro dedicábase a outros oficios, ou do mar ou de terra. «O meu exmarido tiña, pero eu non. Así agora te miras pillada, porque houbo moitos anos nos que só coticei eses tres meses», lamenta. Por esa razón, por levar moitos anos traballando pero poucos cotizados, non pensa en deixalo. «O que che pagan ao retirarte é unha miseria, e teño unha hipoteca, moitos gastos, e quero vivir cun pouco de dignidade, así que non entra nos meus plans. Ata os 71 se os ósos aguantan, que xa triscan moito, non me xubilo», afirma, aínda que recoñece que a súa tarefa diaria xa non é coma antes. Covadonga sae ao mar cada xornada co seu exmarido, «que ten outro traballo pero renunciou a parte do soldo para ir mariscar», conta, e co seu fillo, que xa leva doce anos con ela no mar. «Fanse esforzos, pásase frío, estás moito tempo agochada e acabas dobrada, pero estamos tres a bordo e o traballo de tirar pola vara fano eles». Ten dúas fillas máis, pero di que «son terrestres», aínda que practican deportes acuáticos e pesca deportiva.

Covadonga Durán pertence á confraría de Cangas dende hai dous anos, e conta que, agás os de Baiona, non teñen límites na ría para o marisqueo a flote, «sempre que esteamos dentro das zonas de pesca marcadas», matiza. O que diferencian os que se dedican a este oficio é os tipos de ameixa que se dan mellor en cada unha delas. Por exemplo, en Arcade, pola enseada de San Simón, di que hai moita máis xapónica, algo de fina e tamén berberecho, variedades de bivalvos que noutras áreas nin se miran. «Pero é a ameixa que plantamos nós. Cada confraría inviste moitos cartos ao ano porque isto é coma un campo, se non plantas patacas non saen», reflexiona a moañesa. As zonas ás que adoitan ir cada mañá varían segundo o tempo e de onde veña o vento. «Co frío imos para Barra, que está máis protexida. Cando nos permite cruzar para o sur, imos a cabo de Mar, Toralla e Baiona; e no verán, tiramos para a enseada de San Simón».

A mariscadora, concienciada co esquilmado dos recursos mariños, destaca a importancia de cambiar de zonas para que descansen e os froitos medren. A patroa declara que, por exemplo, os litorais de Barra e Cíes «eran moi ricos», pero agora hai moi pouca ameixa. «O propio mariñeiro é pouco consciente de que se colles a cría estaste roubando a ti mesmo, á parte de roubarlle aos demais. Esa ameixa que agora non dá o talle dentro dun ano vai valer o dobre», valora. «É certo que hai moito furtivo e moito jodechinchos, pero os maiores piratas son os mariñeiros, de toda a vida», afirma. «Hai unhas rifas absurdas entre uns e outros. Cada un tira para o seu e deberiamos tirar todos para o mesmo lado, porque se non perdemos todos», pensa.

Un pouco de historia

Os tipos de ameixa. As variedades que se cultivan nos areais das Rías Baixas son principalmente xapónica, fina, babosa e rubia (escasísima), xunto ao berberecho. Tamén a cornicha, apunta a mariscadora, «aínda que hai pouca e moi pequena, como outra parecida, pero máis picuda, que tampouco se mira xa», lamenta. Dende hai uns anos, as ventas se centralizan na lonxa de Vigo e á mesma hora. «Antes facíase en moitas lonxas pequenas e a horas diferentes e os compradores non daban chegado a todas». Durán afirma que este Nadal foron moi boas: «Chegamos a prezos que non recordaba».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Vigo

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

«Os máis piratas son os mariñeiros»