«As bandeiras non melloran a calidade de vida»

Carlos Punzón
carlos punzón VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

Ver a un veciño rebuscando no lixo en plena crise levou a Carmen Santos, parlamentaria de Podemos, a dar o paso de achegarse á política

06 mar 2019 . Actualizado a las 11:52 h.

Queiruga é o seu centro do mundo. Unha parroquia de Porto do Son que lle deu carácter e o seu segundo apelido. «Teño dobre nacionalidade: nada en Queiruga (1981) e viguesa de corazón», di Carmen Santos, a primeira líder de Podemos en Galicia e parlamentaria pola provincia de Pontevedra con En Marea.

No seu ADN político mestura unhas doses de nacionalismo, «pero o de apertura, non de peche no país, e de sentir orgullo, non complexos», con unha defensa das persoas por riba dos símbolos. «As bandeiras non melloran a calidade de vida», subliña, pero sen deixar de reclamar unha visión de respecto e amplitude de miras en favor da plurinacionalidade, que admite que agora Podemos non ten.

«Doe moito ver hoxe a foto dos fundadores do partido» di ao preguntarlle que se sinte ao comprobar que se caíron todos menos Iglesias dese cartel (Errejón, Bescansa, Monedero e Alegre). «A Pablo tamén ten que doerlle», entende.

Ela subiuse á aventura de Podemos en Vigo na súa asemblea fundacional no Instituto Santa Irene no 2015, e de alí meteuse no círculo do que aínda non saíu. «Os círculos tiñan unha función: falar de novo de política, rexenerala, atraer a xente desconectada da política», defende. Pero acepta que co crecemento do partido e en aras dunha mellor organización Podemos deslizouse polo carril do centralismo. «É comprensible, pero non o comparto, e segue a ocorrer», confesa, mentres defende que os círculos do partido volvan ter protagonismo, polo menos na política local.

Pero antes de seguir a estela de Pablo Iglesias, de descubrir os eternos debates dos círculos, houbo un primeiro paso que lle empuxou a entrar en política, aínda que cre que todo xurdiu xa no ventre da súa nai, cando embarazada pasou toda a noite en vela seguindo ao detalle o resultado do golpe de estado de Tejero. «Por que te vas meter en leas se estás ben?», díxolle a súa nai cando Carmen Santos lle confesou que ía entrar en política.

«Un día vin a un veciño buscar entre o lixo e tiven claro que tiña que facer algo. Eu tiña a vida resolta, xa era funcionaria fixa e estaba no staff do Ministerio de Ciencia e Innovación con Cristina Garmendia, e promocionei a xestora de I+D no CSIC, pero ao redor miña pechaban comercios, bares, chegaron recortes moi duros, mentres seguía ver moito malgasto».

Ese escenario é o que lle fixo ir máis alá de votar en cada elección «o que me parecía menos malo». Unha amiga da facultade de Ciencias Políticas faloulle de rachar con todo o que non lles representaba e que había que facer algo máis que falar no bar. Nese momento cruzouse Podemos no seu camiño, e desde entón segue pintando de morado a súa representación política. «Podemos cambiou a política do país sen ningunha dúbida e propiciou un novo escenario de partidos», mantén. Pero asinte cando se lle enumeran os tics perceptibles no seu partido do que daban en chamar vella política. Os atribúe ás costumes que importaron nas alianzas de Podemos con outras organizacións, e por iso clama por «un reseteo» do partido en canto pasen os procesos electorais. «Hai unha competición polo poder interno que non comparto», engade.

E como non hai feridas máis daniñas que as causadas polo lume do mesmo bando, poderíase dicir que perdoou, pero lle será difícil de esquecer cando unha compañeira deputada deslexitimou a súa capacidade e a súa imaxe ao descualificar a súa discapacidade nun chat interno do partido. Unha vacina mal posta contra a polio lesionoulle un nervio para sempre cando tiña sete meses. «Conformou a persoa que son, e estou moi orgullosa, cos meus ideais, coas miñas utopías», di, mentres lamenta que a principios dos anos oitenta unha parella coma os seus país non tivesen máis respaldo para poder esixir os seus dereitos e unha atención sanitaria para a súa filla que puidera telos reconfortado máis.

«Por iso temos que facer política, para que todo o mundo teña oportunidades. Eu aproveitei as que o Estado me deu, e sempre desde a igualdade», terza renegando das cotas como as reservadas aos discapacitados.

Repetir no Parlamento de Galicia no 2020? «Dependerá do proxecto», di sen pechar nin abrir portas.

- Cal foi o seu primeiro traballo?

Enquisadora para as eleccións municipais do ano 2005, as de despois do desastre do Prestige.

- Votou algunha vez a un partido que non fose o seu?

Si. Votei ao BNG e ás candidaturas do PSOE na primeira etapa de José Luis Rodríguez Zapatero.