«O humor define ao ser humano»

Hoxe e mañá estará no auditorio municipal a obra «Commedia», que cumpre 25 años


vigo / la voz

Coincidindo co 25 aniversario da súa estrea en Ribadavia, a compañía Contraproducións recupera a obra Commedia, un dos grandes éxitos do teatro galego contemporáneo. Hoxe e mañá, ás 21.00 horas e cunha entrada de oito euros, o auditorio municipal de Vigo acollerá a representación do texto escrito e dirixido polo dramaturgo vigués Cándido Pazó.

-Por que recuperou esta obra?

-Foi unha peza que no seu momento tivera moito éxito e na que nos divertíramos moito. Pensei en recuperala coincidindo cun aniversario, e como non puido ser nin no 15 nin no 20 agora era o momento ou xa nos ía pillar vellos.

-Por que é tan pouco habitual no teatro galego reivindicar os seus clásicos contemporáneos?

-O teatro galego aínda é moi novo, pero xa se empeza a facer, por exemplo, que eu recorde, tamén o fixo Chévere con Río Bravo.

-En que estado atopou o texto?

-Tiñamos medo porque os anos non pasan en balde e a sociedade cambia, e estabamos dispostos a facer modificacións, pero cando nos puxemos a facer as lecturas, fómonos dando conta de que si, que habería que cambiar algunhas cousas pero a estrutura valía. Foi un texto fixado tras duascentas funcións, así que estaba moi contrastado ante o público e ese foi o punto de partida. Así que é a mesma peza e texto, pero feito 25 anos despois.

-De que fala Commedia?

-É unha historia clásica de amor. Arlecchino pensa que a súa muller o engana, cando non é así, e a partir de aí ármase todo. Topa cunha voz misteriosa que lle entrega un anel máxico que lle permite esquecer todas as súas penas. Claro que ao poñer o anel tamén esquece as convencións sociais e quen é, e todo iso que crea un mundo de lío que posibilita facer a comedia.

-É posible vivir á marxe das conviccións sociais?

-Unha cousa que eu tiña moitas ganas de facer nesta peza, que non se deu, era incidir en como podemos estar contra algún tipo de convencións o exaltar a sinceridade na vida, pero parece que a vida necesita unhas certas convencións e certos acordos para buscar entendementos; nesta obra está apuntada esa cuestión, pero sería moi interesante incidir como a sinceridade absoluta pode ser un desastre tamén absoluto.

-É o mesmo elenco de actores?

-A Santi Prego chamouno Amenabar para facer de Franco nunha película sobre Millán Astray, e oportunidades así non pasa dúas veces. Tampouco está Evaristo Calvo, aínda que no seu caso é por razóns estrictamente persoais. Así que collemos a César Martínez, Goldi, e a Sergio Zearreta, que completan o elenco xunto a Marcos Orsi, Avelino González, Nuria Sanz e Víctor Mosqueira.

-Xera problemas o feito de levar música en directo ao escenario?

-A música, barroca, é totalmente en directo, e dá moito máis traballo. Sergio Zearreta é músico, e Goldi deféndese, pero os demais tiveron que aprender, aínda que tivemos como asesor ao especialista Fernando Reyes. Claro que non é un musical, realmente é un 30 % da obra. Nesta versión cantan os actores; fan intervencións moi cortiñas, e eu pensaba que sería máis fácil, pero resulta que non, que non lles da tempo a entrar porque rematan axiña. Propón retos, admitindo que tes que facer un esforzo especial.

-Bótase en falta a continuidade das obras nun teatro?

-O único sitio onde hai continuidade é en Santiago. Vigo ben podería acoller tres funcións, e máis sendo no auditorio municipal. Ademais, Vigo ten poboación suficiente para facelo, porque o boca a boca funciona sempre. Se se poden facer catro días en Santiago, ¿como non vai ser posible en Vigo?

-Que é para vostede o humor?

-É facer que a xente ría, que lle encontre un lado cómico á vida, incluso en situacións que ás veces non son as máis positivas. En grande medida, o humor define ao ser humano porque, que se saiba, os animais non teñen sentido do humor.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O humor define ao ser humano»