Está entre os máis novos da campaña e cre que «se pode facer moito»
16 oct 2012 . Actualizado a las 07:05 h.Á enfermeira Eva Solla (Vigo, 1984) gustaríalle que os mozos participasen na política «para cambiar as cousas».
-¿Como vai Galicia?
-A remolque do resto do Estado e non tan ben como presume Feijoo. O paro aumentou este ano un 70%.
-¿Como van acabar co paro?
-Cremos no emprego público. Pensamos que hai que recuperar empresas que se privatizaron e crear outras en nichos que están sen explotar. Un deles sería o forestal: hai tres días rematou a tempada de incendios e todo o mundo esqueceu os das fragas do Eume ou do Barco de Valdeorras. A reparación de buques pode ser unha forma de impulsar o naval, a flota de baixura, a limpeza integral das rías... E despois, emprego social: sanidade, educación, etcétera.
-¿Necesita Vigo un trato específico da Xunta?
-Vigo sempre foi un motor da industria de Galicia e si necesita un impulso para que non dependa só de Citroën. Non é un trato mellor, pero si máis específico ás necesidades da cidade.
-Pero as bases programáticas da coalición EU-Anova non fan referencia algunha á cidade.
-Son só unhas bases. Tiñamos moi pouco tempo. Hai necesidades en cada cidade que teñen que ser atendidas, pero o enorme problema son o paro e a perda de dereitos sociais.
-¿Perdemos dereitos?
-Miramos ataques ás persoas que se manifestan. Tamén no ámbito da saúde, coas privatizacións, o recorte na cobertura. As aulas están masificadas... Atácase á clase traballadora.
-Vostede traballa na sanidade pública. ¿Préstase unha atención peor aos cidadáns?
-A atención débese, en gran medida, á pericia dos traballadores. Está claro que os meus compañeiros fan o posible para que siga sendo a mesma. Pero invístese moi pouco en atención primaria e en prevención. Nótase o recorte en persoal, as baixas que non se cobren...
-E queren rescindir o contrato do novo hospital. Isto supón paralo e retrasalo...
-Retrasado xa está. Só hai que achegarse ás obras. O retraso non sería significativo se observamos o beneficio de que o hospital volva ser público. Xa se pagou suficientemente. Non é de recibo rescatar con cartos públicos as empresas que van poñer os fondos para as obras e regalar o que xa se pagou.
-Se a lei non obrigase a que unha forza logre un 5 % dos votos para ter representación, Rubén Pérez e vostede estarían no Concello dende hai ano e medio. ¿Qué tería cambiado?
-Traballaríamos para fomentar a participación pública, unha cousa que está moi denostada e é moi escasa no noso Concello.
-¿Por que son necesarios no Parlamento?
-Porque somos a voz dos traballadores e traballadoras. Non queremos defender máis do mesmo, senón as necesidades da xente de a pé.
-¿O votante medio coñece Alternativa Galega de Esquerda?
-Loitamos coa falta de tempo. Co adianto, non temos tempo para publicitarnos tanto.
-Para EU como forza, ¿é bo que se coñeza á coalición como «os de Beiras»?
-Non nos importa que nos digan que somos de Beiras porque se non quixésesmos ir en coalición con eles, non iríamos.
-¿Por que está en política?
-Por convicción política. Afilieime a EU nun momento de baixada. Continúo aquí porque se poden facer moitas cousas.
los candidatos de vigo eva solla número 3 de alternativa galega de esquerda