O movemento veciñal valida unha estafa

Pucho Bastos

VIGO

A decisión de non reclamar o que Concello e Aqualia cobraron de máis nos recibos da auga é unha mostra de que se defenden intereses políticos por riba dos intereses dos cidadáns

21 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Por que cada vez se achega menos xente ás asociacións de veciños? É unha pregunta que me fago dende a distancia, unha pregunta de quen xa non forma parte de ningunha directiva pero que observa con tristeza os últimos acontecementos en torno ao movemento veciñal de Vigo.

A batalla que protagonizaron a anterior directiva da Federación Eduardo Chao, presidida por Elena González, e as asociacións disidentes xa ofrecera unha imaxe lamentable. Agora, a sorprendente decisión da nova directiva da Federación de retirar o recurso interposto ante o Tribunal Supremo e perdoarlle ao Concello e a Aqualia o que se cobrou de máis nas facturas da auga é algo incomprensible e impresentable.

Os cartos que gañou unha empresa privada que se dedica a facer negocio non son da Federación Veciñal senón dos cidadáns. E o peor de todo é que seguimos validando un sistema incorrecto, no que non se cobra polo que se consume xa que te obrigan a pagar un mínimo de 30 metros cúbicos cada dous meses. E aínda por riba tamén estamos a validar unha taxa de saneamento coa que se estafa descaradamente á cidade de Vigo, posto que depuradora do Lagares non traballa adecuadamente.

Entendo que os servizos hai que pagalos, pero as Administracións tamén teñen a obriga de prestar eses servizos de forma adecuada. Houbo un tempo no que a xente do movemento veciñal tiña moi claro que os intereses que debían prevalecer no seu pensamento eran os dos cidadáns. Elvira de Fragoso, Rosa de Castrelos, Carmela e Xurxo de Saiáns, María Xosé e Antón Bouzas do Casco Vello, Lorenzo de Candeán, Abalde de Sárdoma, Eloy de Oia, Seixo de Alcabre e moitos outros sabían que a mellora da calidade de vida dos vigueses era o obxectivo e non consentirían cousas que están sucedendo.

Hoxe en día o movemento veciñal de Vigo non ten forza. Tense convertido nun apéndice máis dos partidos políticos. Non se enfronta aos gobernantes cando é preciso, cousa que non sucedía antes a pesares de que a maioría eramos militantes dalgunha formación. Pero tiñamos claro que intereses debían primar.

É preciso un cambio de rumbo. O movemento veciñal ten que recuperar a importancia que tiña nas parroquias e nos barrios e a Federación está obrigada a cambiar como representante dos intereses das asociacións. Goberne quen goberne, hai que ter unha postura de independencia ante as institucións. O transporte público, a sanidade, a educación e o medio ambiente... Son algúns dos temas nos que deberían volcar o seu traballo os colectivos.

Hai un exemplo de máxima actualidade: o albergue para persoas sen teito. Sería interesante que o movemento veciñal liderase este debate e non só pensando en darlle unha cama de paso a quen está na rúa e, deste xeito, vai volver á rúa. Poderíamos loitar por unhas instalacións onde, ademais de refuxio nocturno, se lle dera outro tipo de axuda a estas persoas que teñen que recuperar a dignidade. Instalacións como o edificio do hospital da Cruz Roja ou a antiga Escola de Hostalaría do Berbés darían para crear aulas de rehabilitación, ofrecer atención psicolóxica, tramitar axudas económicas...

Son moitos os problemas polos que paga a pena traballar. Pero, polo de agora, sigo preguntándome por que cada vez se achega menos xente ás asociacións veciñais.