Pese a levar tres semanas como diputado no Congreso, o concelleiro socialista no perde a súa vinculación coa Cañiza
24 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A palabra apretada xa non sirve para describir como é a axenda de Luis Gómez Piña dende que é deputado do PSOE no Congreso. Por momentos, o cansazo das viaxes de Vigo a Madrid se lle nota, pero recupera o pulo cando escoita falar da Cañiza, onde é concelleiro e voceiro do grupo municipal dende o ano 1991. Neste caso, a distancia non fai o esquecemento.
-¿Completamente asentado xa en Madrid?
-Tomei posesión o pasado 28 de abril así que aínda non estou afeito. Esta é a terceira semana de traballo e estou tomando contacto coa nova situación. A verdade é que estou moi ilusionado, é un orgullo ser o primeiro da comarca en estar no Congreso. Penso que é un xeito de darlle máis representación a esta área.
-Se hai un movemento na lista do PSOE no Parlamento, optará a outro cargo.
-Non sabemos se esa situación vai a producirse. Se se dera habería que falar co partido para ver a cal dos meus postos debería renunciar e cal tería que asumir, aínda que sería unha decisión persoal.
-¿A distancia entre Madrid e A Cañiza podería pasarlle factura nas seguintes eleccións locais?
-Estou en constante contacto co meu concello, é raro o día que non teño varias chamadas de xente da Cañiza. Antes compatibilizaba o cargo de concelleiro co meu traballo privado e estaba moito máis limitado do que estou agora. Nestes momento teño máis marxe de manobra, aínda que penso que é moi cedo para falar das municipais. Estamos no ecuador do mandato e de aquí alá queda moito por facer na oposición.
-Se se cumpren os prognósticos, esta podería ser a primeira ocasión en que non se disputase a alcaldía con César Mera.
-El insiste reiteradamente en que non se vai presentar pero é unha cuestión que ten que aclarar co PP e ata que non se anuncie de xeito definitivo non é seguro.
-¿Perxudicou a Cañiza a perda da Xunta?
-Creo que a xente cada vez sabe diferenciar mellor os procesos electorais e as súas repercusións tanto a nivel local como autonómico, así que espero que non afecte ó concello.
-¿Cales son os retos que ten que afrontar o concello?
-A nivel político queda moito por facer. O feito de que un mesmo rexedor leve máis de 30 anos non é positivo. Creo que non chegará a transición ó concello ata que non se produza un relevo e comece un novo ciclo político. Fai falla alternancia política porque da a sensación de que está todo en exceso asfixiado. Ademais, o concello está falto de moitas cousas.
-¿Axudará a nova delegación da Xunta?
-Aínda estamos a espera de ver como acaba esa novela, hai moita improvisación. Creo que non é o mesmo predicar que repartir trigo e moito do que prometeu o PP agora se lles está a volver en contra. Aínda non está claro cales van ser as competencias das novas delegacións.
-O deseño deixa á Cañiza fora do ámbito de Vigo e tamén se exclúe a súa prensenza na futura área metropolitana.
-Hai moita contradición nos municipios, non pode ser que Salvaterra estea dentro e Ponteareas ou As Neves, non. O deseño que ten o PP enriba da mesa ten graves problemas e o que mais me preocupa é que os cidadáns poidan facer as xestións do mellor modo posible. Sobre a área metropolitana, creo que o debate fundamental é a repercusión que vai ter a nivel de servizos. É importante dotala de utilidade para os residentes na zona. Primeiro hai que coñecer que beneficios terá a súa posta en marcha e despois falar duns concellos ou outros.