A Imaxina Jazz Orquestra afina os seus instrumentos antes da súa estrea oficial o vindeiro 1 de xullo
VIGO
A Imaxina Jazz Orquestra comezou onte a ensaiar ante a súa inminente estrea na segunda edición do Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons. Esta orquestra xorde como primeira iniciativa dentro do ámbito das producións propias do festival Imaxina Sons. Con ela preténdese reunir o potencial que atesoura Galicia nunha banda de gran formato que, de xeito estable, interprete composicións dos autores galegos máis salientables e creativos. Está integrada polos bateristas Carlos López e Fernando Llorca, os contrabaixistas Paco Charlín e Xacobe Martínez, os pianistas Abe Rábade e Manolo Gutiérrez, os guitarristas Antonio Bravo, Telmo Fernández e Cuchús Pimentel, os saxofonistas Antonio Otero, Martín Brea Barreiro, Pablo Pascual Alonso, Roberto Somoza e Pablo Castanho, os trompetistas Francisco Pereiro Camaño, Hansel Luis Díez e José Somoza, os trombonistas Carlos Figueira Abuín, Francisco Lavía e Joe, a cantante Terela Gradín e o percusionista Carlos Castro. Trátase dunha experiencia inédita en España.