? experiencia de radio interescolar «Ponte nas ondas» chegará esta fin de semana á súa décimo primeira edición, coa espectativa de que a Unesco proclame a cultura galego-portuguesa como Obra Mestra da Humanidade. Da traxectoria desta iniciativa, que cada ano se foi consolidando en calidade e en número de centros participantes, naceu a primeira candidatura mundial presentada por establecementos educativos de dous países da Unión Europea. que agora opta a esa distinción. «Vai ser unha festa intensa entre as escolas das dúas ribeiras do Miño, agardando esa declaración», afirmou onte o director da iniciativa, Santiago Veloso. En total serán 51 centros educativos do Baixo Miño, o Norte luso, A Louriña, O Condado, Vigo, O Val Miñor, Allariz e O Val Miñor os que dende o venres, ás dez da mañá, protagonizarán 24 horas de radio interescolar en directo. Para iso, e amais de contar coa colaboración e participación de tódalas comunidades educativas, varias emisoras abrirán as súas portas para posibilitar o proxecto. Entre elas, Radio Tui, dende donde os escolares do municipio editarán o traballo realizado nas súas aulas durante o último ano e se achegarán ás realidades do resto de participantes. Todo baixo o lema «Un Patrimonio para o futuro» xa que, tal e como explicou o vicepresidente do programa, Xabier Prado, «os mozos, as voces protagonistas, serán os que nos digan se o Patrimonio ten futuro». Tódolos pais que queiran poderán seguir a xornada, o venres pola mañá, no auditorio de Área Panorámica. A iniciativa complétase con outras actividades como a «Mostra da Oralidade Galaico Portuguesa» que se pode visitar en Paredes de Coura ou o proxecto «Meniños Cantores», que inclúe un disco, un libro e un dvd e que será presentado en xullo. «Unha proba de que as iniciativas realizadas dende o compromiso con esta cultura compartida teñen cada vez máis sentido e serán un referente no traballo con este patrimonio cultural», resaltan os organizadores. No mes de xullo haberá tamén un encontro de tódalas escolas de España asociadas á Unesco, que se celebrará en Pontevedra.