As cegoñas

| ESTANISLAO FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA |

VIGO

COMENTARIO

23 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

AS CEGOÑAS sempre foron aves migratorias. Chegaban nos primeiros días de febreiro: «Por San Bras -día 3- a cegoña verás» e marchaban a principios do outono. Así foi e seguirá sendo en gran medida. Entre as moitas aves que veñen de África tódolos anos, son das máis madrugadoras, pois adiántanse ás andoriñas, as bubelas, as rolas, abellarucos, miñatos, cirrios e cucos, entre outros moitos paxaros que de alí proceden, en máis dun mes. A cegoña, nestes últimos anos, parece estar en aumento. Ós lugares tradicionais de aniñada na depresión da Antela e Terra Cha, engadiranse outros moitos: Monforte de Lemos, O Saviñao, Sarria, Quiroga, San Clodio de Ribas de Sil, Chantada e Bóveda, todos en Lugo, mentres que na provincia de Ourense atopamos niños polas terras de Valdeorras: O Barco, A Rúa e Vilamartín, así como nos concellos de Verín, Cualedro e Viana do Bolo. En total, coñecemos algo máis de cen niños espallados por todos estes lugares. E case en todos, tamén, están a gozar do aprecio das xentes, a pesaren do moito que molestan, pois as aves meten moito barullo, ensucian demasiado e obstrúen cos materiais que aportan á estructura, os canos de desaugue, favorecendo humidades e fungos. Axiña, cando o lugar escollido para aniñar non ofrece seguridade, a xente lles constrúe unha armazón de ferro, para que non marchen e podan ancorar adecuadamente a enorme plataforma que vai crecendo cos anos, porque ter un niño de cegoña na propiedade tense como augurio de boa sorte e continuada fortuna. O clima está a mudar, non cabe dúbida, e os invernos xa non son a sombra do que foron na miña nenez. Ante esta nova situación, algúns exemplares fican entre nós todo ano, renunciando a unha marcha longa e perigosa, que os levaría ata os cuarteis de invernada na África tropical, para emprender, pouco despois, a viaxe de volta. Recentemente, atopámo-las cegoñas invernando en Piñeira (Monforte), San Clodio de Ribas de Sil, O Barco de Valdeorras e Laza. Asegurada a reproducción por unha banda e protexendo a proxenitores por outra, non nos pode estrañar, agora, o pequeno estoupido dunha ave que estivo a piques de desaparecer de Galicia na década dos setenta, onde, tan só na depresión de Antela coñeciamos algúns contados niños que sistematicamente eran espoliados para come-los cegoños. Por aquel tempo, tan só Mario Rafael máis eu anelabamos ós xoves nos altos e vellos carballos, onde facían os niños nas copas, e moitas veces, tamén, con grande desespero, atopabámo-los aneis que os matachíns deixaban tirados ó pé do tronco, para se desfacer das probas do seu nefando delicto.