Entrevista | Olaia Fernández Davila Recén elexida para encabezar a lista da súa formación anuncia que levará á Cámara Baixa a bandeira dos dereitos da muller. Santiago Domínguez, número un para o Senado, é para ela «un valor en alza»
21 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.En tan só catro anos terá sido candidata en catro eleccións diferentes. Ó Congreso no 2000, do que se quedou só a tres mil votos, ó Parlamento galego no 2001, ó Concello de Vigo no 2003 e agora de novo á Cámara Baixa pero con máis opcións ó ser elixida como cabeza de lista. Responsabilidade é a verba que máis emprega á hora da falar da súa nova situación, etapa que non dubida en encadrar no proceso de renovación que recoñece vive o BNG. -¿Non deixa de ser sorpresivo que sexan os militantes da comarca os que defenderan a súa candidatura en troques dos de Vigo? -A designación foi certamente unha sorpresa porque o principio non me plantexaba a posibilidade do Congreso, é máis, a intención primeira do consello de Vigo foi propoñerme a min e eu declinei en favor doutras persoas. En todo caso é unha gran responsabilidade pola confianza dos compañeiros e por ter a oportunidade de representar a unha formación que é a que mellor pode defender os intereses de Galicia no Estado. -¿Catro eleccións en catro anos non é unha circunstancia moi frecuente para un político? -Asumín de bo grado as propostas anteriores, como o caso das municipais, que foi unha oportunidade de facer un traballo diferente ó da oposición, pero agora teño a satisfacción de encabezar como muller unha lista despois de que as mulleres do BNG levamos moito tempo reclamando o noso dereito a defender as nosas inquedanzas en tódolos foros onde se decide. -¿Vai levar ó Congreso esa bandeira? -Cada día que pasa son máis feminista e non podemos esquecer os dereitos das mulleres nas organizacións políticas nas que estamos, pero aínda non decidimos. A muller estará moi presente na miña labor en Madrid. -¿É a súa designación xuntó a de Santiago Domínguez para o Senado a expresión dun proceso de renovación no BNG de Vigo? -O BNG esta vivindo un proceso de renovación pero non por unha cuestión de idades, senón para permitir o acceso de personas distintas a cargos de diferente responsabilidade. O caso de Santiago Domínguez é un deles, o de un valor político en alza que temos que coidar. -Ámbolos dous son dos menos queimados na crise municipal viguesa. -Non faría esa lectura. O grupo municipal está cohesionado e cada un cumpre un papel, os que deron máis a cara en público tiveron o seu, por iso os demais reiteramos o noso cariño e comprensión cara eles. -¿Cómo valora o periodo de concelleira que agora rematará seguramente se resulta elixida para o Congreso? -Á marxe das insatisfaccións que produciu a crise tería que destacar sobre todo o demais o traballo directo coa cidadanía, iso será o máis duro á hora de deixar o Concello, pero procurarei seguir nesa liña. -¿Despois do vivido no Concello ofreceranse a Zapatero para un goberno de coalición como fixeron con PSOE no 2000? -No Congreso ou en calquera outra institución e por responsabilidade política trataremos de impedir que goberne o Partido Popular.