Yolanda Castaño é a nena prodixio das letras galegas. Ós 17 anos publicou o seu primeiro poemario como premio por acadar o Fermín Bouza Brey un ano antes. Co segundo, Delicia , obtivo o premio Johan Carballeira, e pola obra Vivimos no ciclo das erofanías concedéuselle o Premio da Crítica Española 98. Agora, recén cumpridos os 26, Galaxia edita O libro da egoísta, unha obra atípica que mañá, luns, ás 20 horas, presenta na Casa do Libro. Ademais, a autora é secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega e dirixe, presenta e fai os guións do programa da TVG, Mercuria. A imaxe de estrela de rock de Yolanda Castaño desconcerta ó mundo literario no que aínda pode escandalizar que unha escritora se vista e se pinte como lle veña en gana. -O poemario que estrea anúnciase como un traballo diferente a todo o anterior ¿En que é diferente? -Desde o método de traballo, moito menos visceral, e máis reflexivo e dooroso, ata o aspecto formal. Empecei a escribilo con 20 anos e requeriu moito repouso esperando o momento de saír. De aí que sexa o único que escribín nos últimos seis anos. Tamén hai un cambio no aspecto formal ó abandonar o verso tradicional. Penso que a poesía atópase en calquera recanto e eu búscolle un revestimento de prosa, fago xogos con subxéneros como o epistolar, o diario, elementos escénicos que conforman unha obra heteroxénea e mestiza na que o meu eu poético vai adoptando diferentes papeis nun xogo de espellos encontrados. -¿E que ve no espello? -No libro me cuestiono a miña propia identidade con moita autocrítica, ironía e ás veces con desespero. Trátase de romper os modelos que nós mesmos e a sociedade van creando sobre nós. -¿Esa reflexión vén de que síntese perxudicada pola súa imaxe? -Sí, tanto a miña imaxe como a proxección que a xente vai creando sobre mín se vive con certa conflictividade. A sociedade acuña modelos tanto para o camioneiro como para a escritora, e cando non cadra co modelo, xurde unha desconfianza. -¿Pero o conflicto o ten vostede ou os demais? ¿Aféctalle? -A mín non. Escribo igual, aínda que ás veces parece que restara seriedade ou credibilidade, como se se pretendese que eu debera cambiar a miña imaxe. Pero antes que escritora son muller e podo ter a imaxe que eu desexe e decida. -«O libro da egoísta» é a última obra que fixo en seis anos. Non escribe moito, ¿non si? -Últimamente non. Antes tiña un ritmo máis áxil, más prolífico, pero a partir dos 20 anos encetei un proceso moito máis lento. Tamén é porque estiven ocupada vivindo e facendo moitas outras cousas. Ademais son moi pouco disciplinada escribindo. Non me impoño nada. Non escribo máis que cando de veras me apetece. -¿De que ven o título? -O propio xénero poético é o máis egoísta, penso, porque o que escribe, máis ou menos indirectamente, acaba falando de sí mesmo. -Góstalle moito facer recitais e o contacto directo co público ¿Con que compoñente escénico reviste as presentacións? -Derivando do recital poético penso que se poden ensaiar experimentos máis escénicos. Para O libro da egoísta fago presentacións atípicas para que a poesía dialogue con outras linguaxes. Neste caso, proxectase un audiovisual con guión, dirección e producción miña. A música é do meu irmán Alberto Castaño e Manuel Maneiro, e hai unha locución cá miña voz e imaxes líricas, como un videoclip.